Escoitar

O Concello adaptará o túnel de Beiramar á norma europea de seguridade con 1,5 millóns

O goberno de Vigo, segundo informou o alcalde, adxudicou este venres as obras de mellora, que se prolongarán durante uns seis meses e presentan un orzamento que roza o millón e medio de euros. Caballero explicou que se actuará na iluminación, a protección contra lumes, paneis de información, medición de gases e se instalará un sistema de megafonía.

venres, 29 out 2021
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa.

A cidade renovará o paso inferior baixo a Avenida de Beiramar para adaptar os seus sistemas de seguridade á normativa europea. Ao efecto, o Concello reserva 1,5 millóns de euros para un contrato que vén de ser adxudicado na Xunta de Goberno Local celebrada este venres.

“É moi importante, estamos falando de extremar a seguridade do túnel de Beiramar”, valorou Caballero, e de “cumprir todas as normativas europeas de seguridade en túneles”. O alcalde manifestou que “queremos os túneles de Beiramar coa seguridade da segunda metade do século XXI”.

Abel Caballero detallou que os traballos previstos contemplan mellorar a iluminación, renovar o cableado para adecualo á protección contra incendios, ampliar as luces de emerxencia e instalar novos cadros eléctricos e detectores de gases de monóxido de carbono e de nitróxeno. O Concello de Vigo tamén cambiará os armarios SOS de atención en caso de emerxencia ao longo do quilómetro e medio no que se actuará.

Unha vez finalizadas as obras, que previsiblemente terán afeccións puntuais sobre o tráfico rodado, o túnel de Beiramar disporá de novos sistemas de megafonía, paneis de mensaxería, cartelería informativa para evacuacións e un novo software para o control e vixilancia do paso soterrado.

Bolsas de inglés

O goberno de Vigo tamén acordou retomar o contrato do programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en Inglés”, as axudas que o Concello concede a alumnado de Secundaria para unha estadía dun mes no Reino Unido e Irlanda. O servizo quedou suspendido o ano pasado pola irrupción da pandemia e agora se recupera con vistas ao 2022.

Caballero argumentou a decisión nas declaracións de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial de Saúde (OMS), quen considera que a pandemia estará controlada no próximo verán e estarán garantidas as condicións sanitarias e de seguridade.

Así, a previsión trasladada polo goberno de Vigo é que viaxen preto de 3.000 estudantes vigueses entre xullo e outubro do próximo ano. A primeira en voar será a xeración que, en condicións normais, debería ter gozado da súa experiencia no verano pasado: aterrarán no Reino Unido en xullo de 2022. Aos que lle correspondería no ano presente partirán en setembro e aos do propio 2022, no mes de outubro do próximo ano.

Descargar todas as imaxes