Escoitar

Vigo contará co I Plan Estratéxico de Atención ás persoas maiores para detectar situacións de vulnerabilidade

A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á contratación dos traballos de análise das condicións de vida das persoas maiores en Vigo o que permitirá elaborar un plan estratéxico de actuación pioneiro en Galicia. Este diagnóstico permitirá a detección precoz de situacións de vulnerabilidade social.

venres, 29 out 2021
Imaxe de arquivo dunha das actividades organizadas este verán con persoas maiores da cidade
Imaxe de arquivo dunha das actividades organizadas este verán con persoas maiores da cidade

O Concello elaborará I Plan Estratéxico de Atención ás persoas maiores de Vigo, o primeiro destas características en Galicia, que permitirá realizar un diagnóstico da súa situación social, económica, de saúde e de condicións de vida. Cun orzamento de 85.000 euros, explicou, o obxectivo é elaborar un “mapa de soidade” na cidade de Vigo con entrevistas a case 4.000 persoas para coñecer en detalle cantas viven nunha situación de soidade e reforzar a prevención en situacións de vulnerabilidade; a detección precoz de problemas e establecer unha asistencia inmediata a través dos distintos servizos e programas municipais como a teleasistencia, o servizo de axuda no fogar, coidadores de barrio, adaptación de vivendas ou prestacións económicas, entre outros.

Segundo avanzou, este Plan Estratéxico permitirá por en marcha novos programas de envellecemento activo que favorecerán a relación social dos maiores, a detección precoz de situacións de vulnerabilidade social, económica ou de saúde e a intervención temperá dos servizos sociais nestas situacións.

O Padrón Municipal contaba o pasado mes de agosto con 69.954 persoas maiores de 65 anos, un 23,45% da poboación viguesa. De esta cifra, o 59,2% eran mulleres. Respecto dos maiores de 80 anos, a cifra foi de 19.719, o que representa o 6,61% dos vigueses. Nesta franxa increméntase notablemente a porcentaxe de mulleres, que alcanza o 65,8%. 193 persoas tiñan máis de 100 anos, das que o 76,6% son mulleres. Destas 193 persoas centenarias, 101 vivían soas.

Descargar todas as imaxes