Escoitar

Vigo recupera o seu Petisquiño con case 40 locais e tapas desde 1,5 euros

Logo dun 2020 sen certame pola pandemia, a cidade retoma o concurso desde hoxe xoves ata o 14 de novembro, con premios para os establecementos que sirvan os mellores pinchos e sorteos para os clientes. O edil de Comercio, Ángel Rivas, animou á cidadanía a “vivir o sabor” dun “evento consolidado e referente na hostalería da cidade”.

xoves, 28 out 2021
De esquerda a dereita, Ángel Rivas, Celia Cabrera e Beatriz Carballido.
De esquerda a dereita, Ángel Rivas, Celia Cabrera e Beatriz Carballido.

O Petisquiño volve este 2021 “con forza” logo de dous anos desde a última edición. Desde este 28 de outubro ata o 14 de novembro, case corenta establecementos ofrecen as súas propostas culinarias con prezos que oscilan entre os 1,5 euros e os 3,5 euros, segundo decida o local, pero cunha calidade garantida.

O concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, presentou este xoves o evento xunto a Beatriz Carballido, xerente da Federación provincial de Empresarios de Hostalería, e Celia Cabrera, a coordinadora do Petisquiño. Rivas subliñou que a cita naceu no 2014 ao amparo do Concello de Vigo, que continúa apoiando o evento xunto á Deputación de Pontevedra e numerosos patrocinadores privados. O edil invitou á cidadanía “a vivir o sabor destas exquisitas tapas” nun concurso “consolidado e referente na hostalería da cidade”.

Logo de probar algunhas das tapas que se despachan desde este xoves, a coordinadora avalou o “bo nivel” culinario do concurso, do que toman parte bares e restaurantes repartidos pola cidade, na súa maioría emprazados no Casco Vello, no centro da cidade e en Bouzas. Celia Cabrera, quen agradeceu o respaldo institucional do Concello e da Deputación, valorou tamén o “esforzo enorme” dos patrocinadores privados e explicou que este ano non haberá voto directo nos locais, senón que se fará a través da app Hostelería de Pontevedra, seguindo o modelo de 2019. Toda a información estará dispoñible na web e nos perfís do Petisquiño nas principais redes sociais.

Os profesionais que participan optarán a catro premios de 500 euros cada un, abonados ben nunha achega económica directa ou con xénero ou viaxes, segundo detallou Cabrera. Para a cidadanía que se anime a votar pola súa favorita ou compartir imaxes nas súas redes sociais coa etiqueta do Petisquiño, a organización celebrará sorteos cos que gañar tapas, vales ou, por exemplo, o seu peso en cervexa da man de Estrella Galicia.

A coordinadora avanzou que este sábado, no Mercado do Progreso, se celebrará un acto de presentación da edición deste ano do Petisquiño, coa presenza anunciada do alcalde, os patrocinadores privados e hostaleiros vigueses. A finalidade, ademais de dar a coñecer o evento, é ofrecer unha degustación das tapas a concurso e “potenciar o consumo de barrio”, en verbas de Cabrera.

Descargar todas as imaxes