Escoitar

O Concello solicita á Xunta incluír a ampliación do túnel de Beiramar nas contas de 2022

O Pleno debateu e aprobou este mércores unha moción presentada polo grupo do goberno vigués, un texto que insta ao executivo presidido por Núñez Feijóo a incorporar unha partida nos orzamentos autonómicos do próximo ano para estender o paso soterrado ata a rúa Coruña.

mércores, 27 out 2021
O Pleno deste mércores, xa con todos os concelleiros e concelleiras presentes.
O Pleno deste mércores, xa con todos os concelleiros e concelleiras presentes.

O goberno de Vigo demanda ampliar a rexeneración urbana litoral da cidade con actuacións que, sen interferir na actividade portuaria, posibiliten que a cidadanía gañe novos espazos públicos. Así, o Concello propón dar continuidade ao túnel de Beiramar, prolongalo ata o cruce coa rúa Coruña -“absolutamente compatible co tráfico portuario”, segundo reza o texto aprobado- e recuperar a Avenida de Beiramar en superficie para os vigueses e viguesas.

Sinala o documento que o Diario Oficial de Galicia publicou en 2010 o concurso público para redactar este proxecto, mais “despois de once anos non se fixo nada por parte do goberno de Feijóo e a necesidade desa ampliación do túnel é cada vez maior”. O goberno de Vigo esixiu da Xunta un trato equivalente ao prestado a outras cidades galegas, en referencia ao anuncio de que o goberno autonómico reservará 20 millóns nas súas contas para a “fachada marítima da Coruña”.

A votación na sesión plenaria deste mércores -a primeira con todos os corporativos e corporativas presentes desde a irrupción da Covid en marzo de 2020- ratificou a proposta co respaldo do grupo socialista e do edil non adscrito, a abstención de Marea e os únicos votos en contra do Partido Popular de Vigo.

Peaxes Vigo-Baiona

Unha segunda moción presentada polo grupo de goberno de Vigo saíu adiante este mércores, instando á Xunta de Galicia a bonificar os pagos da autoestrada autonómica Vigo-Baiona “nos mesmos termos que fixo o Goberno de España coa peaxe de Redondela”.

O texto argumenta que os descontos aplicados polo Estado na AP-9 teñen “un importante efecto para a competitividade das empresas e acerca máis ás persoas” e se engaden á gratuidade da autoestrada na conexión entre Vigo e O Morrazo. “Queda por integrar neste espazo de mobilidade interurbana ás persoas do Val Miñor”, subliña a moción, para que dispoñan de “iguais oportunidades” e poidan empregar a AG-57, de titularidade autonómica, “sen que supoña un custo desproporcionado para os cidadáns”.

Na votación, só o Partido Popular de Vigo opúxose á demanda. O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, abstívose mentres que as concelleiras e concelleiros dos grupos da Marea de Vigo e do PSOE votaron a favor.

Descargar todas as imaxes