Vigo súmase a unha campaña para mellorar a convivencia de peóns, bicicletas e patinetes
Abel Caballero comunicou este martes que o Concello vai participar na iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico ata o 7 de novembro. A Policía Local informará a ciclistas e usuarios dun VMP das vías polas que deben circular: “A mobilidade segura ten que estar garantida para os peóns nas beirarrúas e zonas peonalizadas”.
O alcalde anunciou a incorporación da cidade á proposta lanzada pola DXT ata o próximo 7 de novembro, unha acción centrada na convivencia no espazo público dos peóns, os ciclistas e os usuarios dun vehículo de mobilidade persoal (VMP) como os patinetes.
Segundo explicou Caballero, a campaña procura a seguridade dos peóns, indicando aos ciclistas e condutores dun patinete a súa obriga de empregar os carrís bici ou espazos autorizados para a súa circulación pola cidade: “A mobilidade segura ten que estar garantida para os peóns nas beirarrúas e nas zonas peonalizadas”, manifestou.
“Temos que velar pola seguridade”, sinalou o alcalde, polo que, en consonancia coa Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local de Vigo activará ata o próximo 7 de novembro unha vixilancia especial sobre as bicicletas e VMPs nas beirarrúas para informarlles das vías que deben empregar para os seus desprazamentos pola cidade.