Escoitar

O Pleno insta á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto da Lei do ciclo integral da auga

A Corporación municipal aprobou no Pleno deste mércores a moción socialista que sostén que o anteproxecto invade as competencias e a autonomía local recollidas na Constitución amais de modificar os canons xa existentes.

mércores, 29 set 2021

O edil socialista, Jaime Aneiros, sinalou que o anteproxecto agocha un incremento do custo da auga para as familias e os concellos incorporando tres novos canons ou “tarifazos”: a xestión da depuradora, o canon sobre perda de auga de abastecemento e o canon de redes de colectores. Así, explicou, o anteproxecto mantén a taxa que supón un sobrecusto de 6 euros en cada recibo das familias de Vigo o que transloce a “voracidade recadadora da Xunta de Galicia” segundo Aneiros, que cualificou de “anticonstitucional” este anteproxecto.

Xabier Pérez Igrexas, edil non adscrito, cualificou de “burda fraude” o anteproxecto da Lei de mellora do ciclo integral da auga da Xunta de Galicia que carga a concellos, usuarios e entidades de xestión e que transfire obrigas da súa competencia. Rubén Pérez, concelleiro do grupo mixto, criticou o nivel de improvisación do goberno autonómico con esta Lei e expuxo a preocupación pola proposta de creación dunha sociedade mercantil, o que “encobre un proceso privatizador”. O voceiro popular, Alfonso Marnotes, negou que o anteproxecto vulnere a autonomía local e impoña competencias aos concellos porque “é voluntario”.

A moción socialista foi apoiada polo concelleiro non adscrito e o grupo mixto fronte o rexeitamento do PP.

Amais, a sesión plenaria acordou instar á Xunta de Galicia a asumir a responsabilidade política, coas dimisións que correspondan, por non conseguir executar a ampliación do Ifevi no prazo que prometeran de forma reiterada, ocasionando un grave prexuízo a Conxemar e á economía da cidade de Vigo. A voceiro socialista, Carlos López Font, apuntou que desde a adopción formal do acordo de ampliación na reunión do Padroado do 30 de decembro de 2019, o Concello e a Deputación tiveron que reiterar varias veces a urxencia do proxecto e a necesidade de acelerar os trámites administrativos por parte da Xunta “que sempre dicía que se cumprirían os prazos”. A proposta foi rexeitada polos populares e abstivéronse o concelleiro non adscrito e o grupo mixto.

Descargar todas as imaxes