O Concello inicia a tramitación ambiental para construír a Biblioteca do Estado na rúa Lalín
Abel Caballero informou este martes da incoación do procedemento administrativo para tramitar un Plan Especial que regulará o establecemento desta dotación cultural entre a rúa Lalín e o Camiño do Chouzo. O ministro de Cultura comprometeu ante o alcalde a inclusión deste proxecto nos orzamentos estatais.
A Xerencia de Urbanismo celebrada este martes tomou coñecemento do inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada do “Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a ubicación da Biblioteca Pública do Estado”. Esta ferramenta urbanística fará posible erixir o inmoble nunha parcela municipal de máis de 6.500 metros cadrados situada entre a rúa Lalín e o Camiño do Chouzo, próxima ás actuais sedes xudiciais. Toda vez que o edificio do antigo Hospital Xeral na rúa Pizarro vai acoller a Cidade da Xustiza, o Concello de Vigo busca “revitalizar a zona” coa instalación na rúa Lalín da Biblioteca do Estado, “e con máis proxectos que imos desenvolver”, apuntou.
“A Biblioteca pública do Estado estará nos orzamentos, como me comunicou o ministro de Cultura, Miquel Iceta”, manifestou este martes o alcalde, en relación ás contas do Estado para o próximo ano. Para Caballero, “a Biblioteca do Estado en Vigo segue a súa marcha exitosa, seguirá nos orzamentos e se opón con uñas e dentes a Xunta de Galicia”. O alcalde denunciou un intento de paralización do proxecto por parte do ente autonómico: “O conselleiro de Cultura foi falar co ministro para dicirlle que non fixera a Biblioteca na cidade de Vigo, fíxense que nivel”.