Concello e comerciantes preparan accións para dinamizar o comercio de proximidade
Abel Caballero mantivo un encontro este martes con membros da Federación de comercio de Vigo para preparar de forma conxunta un plan de actuación para dinamizar a súa actividade logo da “moi boa campaña” dos últimos meses.
O rexedor valorou positivamente a campaña de dinamización, financiada ao cento por cento polo Concello, que se desenvolveu nos últimos meses na cidade e abordou cos representantes da Federación de comercio de Vigo a posta en marcha de forma conxunta de novas actuacións, xa que “iremos xuntos”.
“É importantísimo que o pequeno e mediano comercio supere a crise”, apuntou, tendo en conta que sofre o ataque das compras realizadas a través de Internet “e actuaremos coa nosa propia central”, ao tempo que “seguiremos con campañas de mobilización”.
Caballero referiuse á campaña de Nadal na que o obxectivo municipal é tratar de que a xente que visita a cidade “vaia a máis sitios que ao centro”, polo que encargou á Federación a elaboración dun plan de actuación para dinamizar o pequeno e mediano comercio de tódolos ámbitos, que será asumido polo Concello.
Na reunión deste martes participaron Raúl Fontán, xerente da Federación de comercio de Vigo; Roberto Giráldez, presidente; Anxo Méndez, da Asociación de comerciantes zona centro; Rubén Pérez, de comerciantes zona náutico; María Jesús Román, dos comerciantes Teis e Encarna Álvarez, dos comerciantes Calvario.