Escoitar

O Concello honra a Xela Arias cunha programación para toda a familia

O alcalde presentou en rolda de prensa medio centenar de propostas coas que o goberno de Vigo quere “rememorar a Xela para traela dende a memoria ao presente activo da cidade”. As actividades esténdense ao resto do ano porque “o Día das Letras Galegas é o luns pero é o ano de Xela Arias”, sinalou Caballero.

xoves, 13 mai 2021
Rolda de prensa celebrada no MARCO
Rolda de prensa celebrada no MARCO

O rexedor expuxo que a acción do Concello “quere retomar a propia realidade de Xela Arias, queremos honrar a memoria e poesía activa e a súa capacidade contestataria dende a poesía”.

O primeiro dos actos terá lugar mañá venres coa colocación dunha placa no domicilio de infancia e xuventude de Xela Arias.

O Concello editou o díptico “Xela Arias na Fundación Penzol”, un manuscrito redactado pola autora aos nove anos, que se conserva nos fondos da Biblioteca Francisco Fernández del Riego na Casa Galega da Cultura. Trátase dun texto titulado “O MEU POBO”, dedicado a Vigo, que escribiu no colexio de Sárdoma e do que se distribuíron 15.000 exemplares entre os centros educativos da cidade.

Amais, desde o 16 de abril permanece aberta a Mostra Bibliográfica de Xela Arias na Casa Galega da Cultura cos fondos da Fundación Penzol e da Fundación Francisco Fernández del Riego.

No eido musical, este domingo 16 de maio, ás 20:00 horas, celébrase o “Concerto das Letras Galegas”, no Auditorio Mar de Vigo, a cargo de Laura LaMontgane & Pico Amperio, organizado polo Concello e o Consello da Cultura Galega.

O luns 17, o Concello ofrece unha recepción á Real Academia Galega no MARCO e ás 13 horas desenvólvese a sesión plenaria académica no Auditorio Mar de Vigo, o acto central en Galicia para celebrar o Día das Letras 2021.

Ademais, ao abeiro do programa Música nas Letras Galegas, terá lugar este próximo sábado día 15, ás 19 horas, o concerto da Orquestra Infantil-Xuvenil Kv2211 no Centro Cultural de Beade. O luns 17, ás 20 horas poderá verse no Auditorio Municipal “Vencerse é cousa de se tratar”, un espectáculo literario – musical a cargo de Fernando Abreu, Mónica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández con poemas da autora.

O ciclo de concertos previstos polo Concello inclúe recitais da Orquestra 430, Rodrigo Romaní, a Orquestra Clásica de Vigo, a Coral Casablanca, as corais e as bandas de música de Vigo. Segundo explicou Caballero “queremos que a música acompañe a poesía de Xela durante semanas e semanas”.

O goberno de Vigo prepara tamén a mostra “Xela Arias. A poesía do retrato” no Verbum, prevista para os segundo semestre do ano, con 40 fotografías e 40 poemas da autora, con retratos Xulio Gil, en branco e negro, seleccionados do arquivo do fotógrafo.

Desde esta fin de semana, o Concello celebra actividades para público familiar:

- Sábado, 15, 12:30 no Verbum: Contos de mascotas que contan. Contada para público familiar a partir de 3 anos por Nanda Misa.

- Domingo, 16, 11:15 no Auditorio Municipal : Xogo das letras, dirixido a familias con nenos e nenas entre os 6 e os 10 anos, con participación de adultos e cativos por equipos con preguntas e probas co Día das Letras Galegas e Xela Arias como temática principal para aprender sobre a autora de xeito divertido. É preciso facer inscrición previa.

- Domingo, 16 ás 12:45 no Auditorio Municipal: Concerto “O soño dos golfiños” do grupo Golfiños, para público familiar a partir de 3 anos.

- Mércores, 19 ás 18:00 na Biblioteca municipal Xosé Neira Vilas “Arredor de Xela”. Contada para público familiar a partir de 5 anos a cargo de Raquel Queizás. Poderá verse tamén o domingo 23, ás 12:30 horas no Verbum.

- Sábado 22, recital de 6 poetas, “Non me conteño e abato”, dirixido por Ledicia Costas, con poemas de Xela Arias para público xuvenil. Auditorio Municipal para público xuvenil.

- Sábado, 22 ás 12:30 no Verbum “Un ceo de palabras”. Contada para público familiar a partir de 5 anos por Ana Facchini.

- Sábado, 29 ás 12:30 no Verbum “Contos diversos”, contada para público familiar recomendada para crianzas de 3 a 9 anos por Miguel Anxo. Contacontos que promova a idea da diversidade, rexeitamento da violencia e o respecto ás relacións de homes e mulleres poñendo en valor a figura de Xela Arias.

- Domingo, 30 ás 12:30 no Verbum “Xela Arias, liberdade, solidariedade e amor pola lingua”

Contacontos e ilustración para público familiar a partir de 5 anos a cargo de Polo Correo do Vento.

Programación no Museo Liste

Ademais, o Museo Etnográfico Liste organiza o luns 17 de maio unha programación especial co gallo das Letras Galegas:

- Dende as 10:30 horas da mañá: “Apañando verbas perdidas”, recollida de vocábulos en desuso e obradoiros para nenas e nenos sobre a figura de Xela Arias.

- Ás 11: Visita especial guiada ao museo “Cruce de camiños: a etnografía na ficción literaria”

- Ás 12:30 entrega de premios do VII Concurso fotográfico e do IX Concurso de relatos para alumnado de Primaria e ESO

- Ás 13 horas: conferencia “Cultura gastronómica galega. As mulleres como protagonistas” a cargo de Xavier Castro Pérez e presentación do catálogo “A mesa farta” e unha actividade exterior suxeita á climatoloxía.

 

Descargar todas as imaxes