O Concello proxecta un belén monumental de 100 metros cadrados, con exposición fotográfica e photocall
O goberno de Vigo aprobou o expediente de contratación para a instalación do belén da Casa das Artes para os dous próximos anos, que engadirá unha mostra fotográfica e un photocall con figuras a tamaño real. O alcalde anunciou ademais a prórroga por un ano do contrato de iluminación de Nadal.
A planificación municipal para o próximo Nadal deu un paso máis este xoves, logo de que a Xunta de Goberno Local validase o expediente de contratación do belén monumental da Casa das Artes, un acordo para dous anos con opción de dúas prórrogas dun ano cada unha. Contará cun plan de seguridade e outro específico de cumprimento da normativa Covid.
“Este Nadal en Vigo volverá a haber un gran belén na Casa das Artes”, despois de que o pasado non se organizara polo Covid, asegurou o alcalde, quen avanzou que será “superlativo” e terá 100 metros cadrados: catorce metros de largo por sete de ancho. A exposición conxugará a escenografía tradicional do nacemento con polo menos cinco elementos identificables coa cidade de Vigo; Caballero puxo como exemplo unha lonxa de peixe, unha salinas romanas, unha igrexa románica ou cesteiros.
O alcalde adiantou que o belén poderá ser visitado dous meses, desde o 15 de novembro ata o 15 de xaneiro, na sala ovalada da planta baixa da Casa das Artes, coa previsión de acoller tamén visitas guiadas para centros educativos, de trinta minutos de duración e grupos de trinta persoas como máximo.
Novidades
O último ano do belén, o Nadal 2019-2020, máis de 86.000 persoas pasaron a velo, unha cifra que o alcalde confía en superar este ano co novo deseño e coas actividades complementarias que se ofrecerán os próximos anos. A primeira, desvelou Caballero, unha mostra fotográfica na sala anexa da Casa das Artes, de carácter “pedagóxica e instrutiva” para explicar as escenas representadas no belén. Haberá un mínimo de 30 imaxes de 100x50 centímetros.
Ademais, o contrato municipal inclúe a creación dunha zona de photocall acondicionada e decorada, que permitirá aos visitantes retratarse “con figuras representativas e singulares do belén e do Nadal a tamaño real”, explicou o rexedor.
Abel Caballero informou ademais da prórroga do contrato da iluminación decorativa do Nadal, adxudicada hai tres anos á empresa Ximénez, por un ano máis. “Que ninguén crea que todo isto se improvisa, isto está pensado, meditado”, argumentou Caballero sobre a campaña.
Ascensor Praza da Estación
Na mesma rolda de prensa, o alcalde deu conta da adxudicación do contrato de instalación do ascensor desde Praza da Estación ata Urzáiz con Vía Norte, proxecto que conta cun orzamento municipal de 424.000 euros.
Estará emprazado, segundo explicou Caballero, entre a entrada á nova estación de Mayne e o muro sobre o que se está a reconstruír á fachada da antiga estación ferroviaria de Urzáiz, no espazo que antes ocupaban as escaleiras, e subirá ata a unión entre as rúas Urzáiz e Vía Norte, onde se instalará mobiliario urbano e unha zona axardinada.
O proxecto contempla un elevador panorámico con capacidade para trece persoas e con parada intermedia de acceso ao Vialia. A obra inclúe ademais redes de evacuación de augas pluviais e unha eléctrica soterrada.