O Concello recupera para este 17 de Maio o bando escrito por Xela Arias polo Día das Letras Galegas de 2001
Anunciouno este mércores o alcalde, quen agradeceu a autorización concedida pola familia da autora homenaxeada este ano. Vinte anos despois, as verbas de Arias volverán plasmarse na celebración dun 17 de Maio, Día das Letras Galegas.

As palabras que Xela Arias imaxinou para o Día das Letras Galegas de 2001 -adicado ao escritor Eladio Rodríguez-, e cristalizou no bando municipal daquel ano, verán novamente a luz este 2021. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, notificou este mércores que aquel será o bando do Concello para este 17 de Maio, que recorda a figura da propia Xela Arias.
Segundo leu Caballero en rolda de prensa, o texto comeza así: “A nosa si é unha lingua de encontro, foino hai xa ben séculos, de rei e trobadores, que lembramos ao transcribila e que manexaban campesiñas e mariñeiros. Poder ser hoxe en escolas e mercados, en barcos, bancos e centros comerciais, pode selo hoxe entre rapaces, meniños e maila xente de tropa que todos conformamos”.
Por último, o alcalde de Vigo agradeceu “infinito” á familia da autora o permiso concedido para que o Concello poida recuperar para este 2021 as verbas escritas por Arias vinte anos atrás, e que permitirán “encontrarnos coa súa memoria e a súa poesía”.