Escoitar

Caballero destaca ante Industria o proxecto “sólido” da fábrica de baterías na área de Vigo

O alcalde deu conta este martes da reunión celebrada onte co secretario xeral e o director xeral de Industria, Raúl Blanco e Galo Gutiérrez, respectivamente, na que se presentou a candidatura “sólida, consistente e ben trazada” para implantar unha planta de baterías na PLISAN.

martes, 11 mai 2021
Foto da reunión celebrada este luns en Madrid
Foto da reunión celebrada este luns en Madrid

O alcalde e presidente da Zona Franca viaxou onte luns a Madrid para manter esta entrevista no Ministerio de Industria, acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o delegado do Consorcio estatal, David Regades. Hoxe martes en rolda de prensa, Abel Caballero informou dos principais asuntos tratados na cita.

En primeiro lugar, o alcalde indicou que trasladaron ao secretario xeral e ao director xeral o manifesto de interese elaborado desde a Zona Franca para implantar na PLISAN, a plataforma loxística de Salvaterra As Neves, unha fábrica de baterías para a automoción, optando aos fondos europeos Next Generation. O proxecto é “sólido, consistente e ben trazado”, en verbas do rexedor, e destaca polos socios, polo solo ofertado (“sobrado para o que necesita a mellora fábrica de baterías que poida haber”) e pola importancia de asentala preto dun polo da industria do automóbil como é Vigo.

Precisamente en relación á eventual localización da fábrica, o alcalde denunciou que os responsables do Ministerio trasladaron á delegación viguesa que a Xunta de Galicia propón ao Goberno de España outras zonas da comunidade para acollela, “moi afastadas” da área de Vigo, e sen presentar ningún proxecto concreto. Caballero interpretou este movemento da Xunta como un intento de “dinamitar” a candidatura de Vigo, algo “políticamente gravísimo”.

Por outro lado, e tal e como acontecera co ministro de Ciencia, Pedro Duque, os altos cargos de Industria mostraron tamén un “enorme interese” na factoría de circuítos fotónicos lanzada desde o Consorcio da Zona Franca de Vigo para optar a fondos europeos, e que se instalaría na cidade. Blanco e Gutiérrez amosaron igualmente o seu “entusiasmo” pola terceira iniciativa coa que Vigo quere conseguir fondos europeos, neste caso o proxecto con Cellnex de automóbil autónomo e conectado, que enlazaría Vigo con Oporto e Barcelona, segundo explicou este martes o alcalde.

Barreras

A situación do estaleiro vigués tamén estivo sobre a mesa do Ministerio na reunión. O alcalde revelou a súa “inmensa preocupación” pola situación de Hijos de J. Barreras “e pedimos o apoio do Goberno de España”, que está a prestar “toda a atención e o apoio”, en cuestións como o adianto do tax lease ou o fondo do CESCE, e que representan “ducias de millóns de euros”.

Pola contra, segundo comunicou este martes Abel Caballero, o secretario xeral e o director xeral trasladaron que a Xunta de Galicia, competente sobre industria naval, “non lles di nada nin aporta nada en favor de Barreras” e amosaron a súa “preocupación pola inacción” autonómica. O alcalde denunciou que o goberno encabezado por Núñez Feijóo non presentou un proxecto de viabilidade para a factoría, pese a ter a responsabilidade na materia.

Descargar todas as imaxes