O proxecto da nova potabilizadora de Vigo espera un informe sanitario desde marzo de 2020
O alcalde criticou esta mañá o atraso de máis de 11 meses na emisión do informe vinculante solicitado á Consellería de Sanidade para avanzar no proxecto da nova potabilizadora na que está a traballar o Concello. Caballero acusou á Xunta de obstruír esta dotación supramunicipal para que Vigo se queden sen auga.
O proxecto da futura potabilizadora de Vigo de está pendente desde marzo de 2020 dun informe vinculante da Consellería de Sanidade. O alcalde lembrou esta mañá que o Concello está a traballar nunha nova ETAP para toda a área de Vigo co obxectivo de garantir de garantir o subministro de auga potable para os próximos 50 anos.
O Real Decreto 140/2003, no artigo 13, recolle que: En todo proxecto de construción dunha nova captación, condución, ETAP, rede de abastecemento ou rede de distribución (cunha lonxitude maior a 500 metros), depósito de distribución ou remodelación do existente, a autoridade sanitaria elaborará un informe sanitario vinculante, antes de dous meses, tras a presentación da documentación por parte do xestor. En relación coa normativa da propia Xunta, o rexedor relatou que o 30 de marzo o Concello enviou a Sanidade solicitude de informe vinculante con separata do proxecto, co contido indicado na “Guía para a emisión de informe sanitario sobre proxecto de construción de novos abastecementos ou infraestruturas de auga da Consellería de Sanidade”. O 6 de xullo, a administración autonómica requeriu proxecto completo e nesta ocasión contestou en tempo, tendo en conta que os prazos administrativos estiveron suspendidos ata o 1 de xuño polo estado de alarma, puntualizou. O 20 de xullo o Concello fixo chegar a documentación correspondente.
O 10 de novembro de 2020, Sanidade volve requirir información complementaria (despois de 4 meses) e en menos dun mes, o Concello fai chegar á Consellería o material solicitado. O 4 de marzo de 2021, logo de case tres meses, Sanidade solicita correccións e unha nova versión do proxecto que recolla os cambios. A administración local dá resposta a esa petición o 18 de marzo e segue pendente dese informe vinculante.
Caballero criticou o atraso de case un ano -once meses – na emisión deste informe e atribuíu esta obstaculización ao interese político de que Vigo quede sen auga.
Adicionalmente, proseguiu, o 5 de novembro de 2020, o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, enviou unha carta á conselleira de Infraestruturas solicitando financiamento para esta actuación, dado o carácter supramunicipal do servizo, e a resposta da responsable autonómica chegou o 13 de novembro negando a achega económica da Xunta e instándonos a solicitar fondos europeos. A este respecto, Caballero acusou á Xunta de faltar á verdade dado que Europa non contempla este tipo de dotacións.