Escoitar

O alcalde critica a negativa da Xunta a que Zona Franca entre no Padroado do Ifevi

A Xunta segue sen convocar a reunión do Padroado que lle solicitaron tres membros do mesmo para facilitar a incorporación da Zona Franca. O rexedor criticou a actitude da Xunta de impedir a entrada dunha entidade que achegaría 5 millóns ao recinto feiral.

mércores, 5 mai 2021
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa

O alcalde denunciou publicamente á Xunta por non querer convocar o Padroado do Ifevi para incorporar ao mesmo á Zona Franca de Vigo que, ademais de achegar 5 millóns, contribuiría coa súa gran experiencia na dinamización de empresas e do tecido produtivo. Tal e como explicou o rexedor, varios membros do Padroado enviaron unha carta reclamando esta reunión ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, os pasados 13 e 29 de xaneiro, unha petición que foi reiterada o pasado 5 de abril. En verbas do rexedor, a Xunta tería que explicar por que non quere que o maior dinamizador económico aporte recursos ao recinto feiral porque iso sería contribuír tamén á cidade.

Caballero referiuse tamén á visita que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, realizou esta mañá aos terreos municipais que o Concello expropiou para ampliar o recinto feiral. Afeou a actitude da Xunta de non avisar ou convidar á administración local, actual propietaria do solo dado que aínda non se asinou o convenio de cesión co Ifevi.

Sobre o proxecto de ampliación que está a executar o goberno autonómico, o rexedor lembrou que non inclúe as pistas de atletismo que o presidente anunciou hai uns meses polo que “xa din ao concelleiro de Deportes a orde de iniciar a redacción do proxecto das pistas cubertas nas instalacións de Balaídos”. Tratouse, dixo, “dun engano máis da Xunta para con esta cidade”.

 

Descargar todas as imaxes