O goberno municipal analiza o estado conservación da oliveira do Paseo de Alfonso
O rexedor asistiu este mércores á realización dunha tomografía da "gran oliveira da cidade" que preside o Paseo para revisar o seu estado de saúde, confiando en que "siga dándonos boas noticias", dado que os últimos estudos amosan un "vigor moi aceptable".
Segundo explicou Caballero, a tomografía permitirá obter unha radiografía do estado desta árbore tan "singular e importante na cidade", un sistema de estudo que o goberno municipal leva 10 anos empregando anualmente. Seguindo as recomendacións dos técnicos, o rexedor avanzou que se ampliará o perímetro valado da árbore.
O último estudo, realizado en 2019, dado que en 2020 non foi posible pola pandemia, amosou que a oliveira "despois de abrirlle o espazo e aplicarlle o tratamento está moi vigorosa, ten 14 metros de altura, non ten enfermidade grave e ten un vigor moi aceptable para a súa idade", informou o rexedor. Durante moitos anos, dixo, o exemplar foi "mal tratado" e precisaba maior espazo de terra, algo que solucionou o Concello "duplicando o espazo e agradéceo coa súa frondosidade".
Amais das tomografías anuais, os técnicos municipais someten cada mes á oliveira do Paseo de Alfonso a un exame visual para revisar o seu estado e aplican medidas conservadoras para o seu correcto mantemento.
Así Caballero dixo confiar "en que siga dándonos boas noticias e que teremos oliveira na cidade durante outro par de séculos máis".