O Pleno aproba de xeito definitivo o uso de 13 millóns de euros do aforro municipal
A Corporación celebrou este martes unha sesión extraordinaria na que saíu adiante, co voto favorable do PSOE e os votos en contra da oposición, a modificación orzamentaria de suplemento de crédito e crédito extraordinarios financiado con remanente líquido de Tesourería.
O alcalde valorou a aprobación do uso de 13 millóns de euros de remanentes para investimentos, que se suman aos 36 millóns de euros de remanentes aprobados no mes de decembro, e aos máis de 20 millóns do orzamento municipal, que é “só o principio do que está acontecendo neste Concello”, dixo, criticando que o resto dos grupos municipais “se opoñan ao progreso de Vigo”.
O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que con esta modificación o goberno municipal “continúa a liña de investimento masivo na cidade; somos un modelo de acción política”. Ademais, expuxo a relación de obras ás que se destinarán os 13 millóns de euros do aforro do Concello: a segunda fase das ramplas de Gran Vía, entre Venezuela e Nicaragua cun orzamento de 4,6 millóns de euros; o ascensor que comunicará García Barbón con Vía Norte (3 millóns de euros); a construción do Paseo de Bouzas cun presuposto de 3,7 millóns de euros; a humanización da estrada A Garrida-Porto Beade, o Pavillón de Quirós (465.000 euros), o campo fútbol da Guía (155.000 euros) ou o campo de fútbol de Fragoselo (95.000 euros) entre outras obras.