O alcalde di que o túnel de Beiramar “é unha infraestrutura absolutamente imprescindible”
Abel Caballero asegurou esta mañá que a construción do túnel de Beiramar facilitará o tráfico de toda a cidade, beneficiando especialmente os accesos ao porto pesqueiro xa que permitirá conectar coa VG20 a través dunha rotonda baixo superficie. Na súa opinión, a Autoridade Portuaria oponse a esta infraestrutura por instrucións do presidente da Xunta, en contra dos intereses da cidade.
“O túnel de Beiramar é unha infraestrutura absolutamente imprescindible en Vigo, unha das poucas cidades europeas que non ten unha ronda ao redor para facilitar o tráfico”, aseverou esta mañá o rexedor. O soterramento deste viario facilitará a circulación na cidade, especialmente, o tráfico ao Porto pesqueiro que chegará á VG20 evitando semáforos a través dunha rotonda baixo superficie.
Na súa opinión, o Porto está obrigado a cooperar con este proxecto porque redundará en beneficios para os seus usuarios, facilitando, así mesmo, a interconexión porto-cidade. “O paseo de Beiramar ten que ser peonil e iso non é incompatible co tráfico pesqueiro”. A negativa do responsable da Autoridade Portuaria á construción do túnel, responde -dixo – a ordes do presidente da Xunta, que é o que designa ao mandatario do Porto, “son instrucións de Feijóo que nunca son en interese da cidade”. Neste punto, contrapuxo a actitude do Goberno galego financiando o túnel de O Parrote en A Coruña, coa negativa a soterrar o viario de Beiramar.