Escoitar

O alcalde eloxia o labor de Amencer-Aspace na atención ás persoas con parálise cerebral

Durante a visita realizada ao novo Centro de Atención Integral Amencer-Aspace en Vigo xunto á vicepresidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez e ao vicepresidente, José Arnau, Abel Caballero destacou a “doada cooperación” coa Fundación e con Amencer para erguer esta dotación na cidade.

venres, 23 abr 2021
Momento da visita
Momento da visita

O Centro de Atención Integral Amencer-Aspace Vigo está situado en Bembrive nunha “zona fermosa da cidade que agora ten corazón e ten alma”, tal e como sinalou o rexedor, que valorou a “cooperación moi doada, neste proxecto a tres” para facer realidade as novas instalacións.

Caballero destacou o “excepcional traballo da Fundación Amancio Ortega” a quen lle transmitiu a súa “satisfacción e recoñecemento. Sodes un modelo na forma de actuar e de trazar proxectos sociais, é o modelo que corresponde ao século XXI” no que a “cooperación e a responsabilidade social das empresas debe ocupar todo o espazo”.

Carlos Godoy, presidente de Amencer-Aspace transmitiu no nome da entidade o “enorme agradecemento á Fundación Amancio Ortega e ao Concello de Vigo polo apoio e por responder de forma tan satisfactoria a estas necesidades sinalando que o obxectivo de centro é contribuír á recuperación dos danos producidos polas afectacións cerebrais”.

José Arnau, vicepresidente da Fundación Amancio Ortega, agradeceu a Amencer o labor extraordinario que realizan con tódalas persoas con parálise cerebral. “Son un motivo de confianza nunha sociedade máis xusta e solidaria”, polo que “estamos satisfeitos de contribuír a mellorar o labor que realizan”.

 

 

 

 

Momento da visita
Descargar todas as imaxes