O Concello primará os híbridos no renting de 17 vehículos para a Policía Local
O goberno de Vigo licita por 1,3 millóns o contrato para os próximos catro anos, que valora con ata 15 puntos a propulsión híbrida. Os turismos e furgóns policiais virán equipados con sistemas de comunicación e intercambio de datos coa xestión de tráfico municipal e da Policía.
A Xunta de Goberno Local aprobou onte xoves o expediente de contratación para a subministro por sistema de renting de 17 novos vehículos para a Policía Local de Vigo. Segundo explicou este venres Abel Caballero, o Concello manexa un orzamento de 1.296.000 euros para os catro anos do contrato.
Aberto o proceso de licitación, os pregos esixen que veñan equipados con elementos de comunicación e intercambio de datos cos demais vehículos da flota, coa infraestrutura de xestión de tráfico da cidade e co sistemas TIC da propia Policía Local. O novo renting municipal permitirá que a Policía Local incorpore doce novos turismos patrulleiros (catro deles con kit de detidos), dous furgóns para Atestados, dous todo terreo e un furgón para Atención Cidadá.
Por outro lado, tal e como trasladou o alcalde, o Concello que preside incluíu unha valoración de ata quince puntos para as empresas que ofrezan propulsión híbrida, “para que os vehículos da Policía, ademais de brancos e azuis, sexan verdes” e poidan empregar o modo eléctrico.
No relativo á Policía Local, Abel Caballero asegurou que a de Vigo é “a mellor equipada de España”, cunha “extraordinariamente boa dotación de vehículos e medios”, e recordou que o Concello adica un millón de euros anuais a costear a xubilación anticipada voluntaria -desde os sesenta anos- dos axentes, o que representa “unha suba de soldo” na práctica. “Esta é a atención e os recursos que a cidade de Vigo adica á súa Policía Local”, concluíu.