Escoitar

O alcalde valora a atención do Goberno de España ás “grandes necesidades” de Vigo

Abel Caballero mantivo un encontro con Sergio Vázquez Torrón, secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana con que acordou a “coordinación” das actuacións na elaboración do PXOM e que avanzou a realización dun estudo de alternativas da saída sur ferroviaria.

xoves, 22 abr 2021

O rexedor cualificou como “moi proveitosa” a reunión celebrada en Madrid dada a atención que o Goberno de España está prestando “ás grandes necesidades de ferrocarril, autovías e autoestradas” de Vigo. No caso do Plan Xeral de Ordenación Municipal, Caballero e Vázquez Torrón acordaron “ir coordinados nas actuacións de elaboración do PXOM. Imos xuntos e é unha moi boa noticia na cidade e no Plan”.

En canto á saída sur, o alcalde explicou que se vai publicar de forma inmediata a convocatoria do estudo de alternativas da saída sur ferroviaria, “levado, financiado e desenvolvido polo Goberno de España, que durante anos estivo abandonado polo goberno do PP” o que provocou que algúns estudos e análises medioambientais caducaran.

Sobre a posibilidade de levar o tren a Bouzas “compartimos opinión sobre o disparate de facelo. Rompe toda a cidade e significa unha nova ponte sobre a ría. O porto de Vigo xa ten tren en Guixar, na terminal de contedores. Nin Citroen nin o Concello queren ese tren a Bouzas, nin o Goberno de España, nin a cidade. Só o quere Feijóo porque sabe que é imposible facelo e quere xustificar o investimento do porto da Coruña”, sentenciou o alcalde. Na súa opinión, o porto de Vigo non precisa un tren a Bouzas porque en alí non hai contedores, ten pouco espazo “e o peirao de Bouzas querémolo para exportar coches de Citroen, que non van en tren; van en camión de Citroen ao porto. Seguimos empeñados en danar a Vigo: Feijóo e o PP”, censurou.

Outro dos temas que abordaron Abel Caballero e o director xeral de Infraestruturas foi a saída de Vigo en túnel pola autovía A55 ata Porriño, onde enlazaría coa A52 cara Madrid. Vázquez Torrón trasladoulle ao rexedor que o Goberno está facendo os estudos para levar adiante unha autovía Vigo-Porriño en túnel. “Somos a única cidade sen autovía a Madrid, hai unha vía de alta capacidade con limitacións de velocidade e con altísima perigosidade. É imprescindible facer o túnel”, apuntou o rexedor.

Ademais, o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio confirmoulle a Caballero que o vindeiro venres, día 30 de abril, entrará en funcionamento o túnel da Cañiza, logo de sufrir un incendio moi importante que provocou o seu peche durante uns meses.

Por último, o alcalde confirmou con Vázquez Torrón que “marchan a bo ritmo os estudios hidroxeolóxicos do Ave Vigo-Madrid por Cercedo”, polo que “sigue apostando o Goberno de España”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes