Escoitar

O Concello ampliará as actividades do Nadal vigués, que contará con noria, mercado e rampla de xeo

O alcalde informou este xoves da aprobación do programa de actuación, que inclúe o Cíes Market da Alameda, o mercado do Calvario, a noria xigante, ramplas de xeo, trens turísticos e atraccións infantís por toda a cidade. O goberno de Vigo busca propostas innovadoras para Teis, Bouzas, Travesas, Berbés ou Coia, entre outros emprazamentos.

xoves, 22 abr 2021
Abel Caballero, este xoves
Abel Caballero, este xoves

O Goberno de Vigo aprobou este xoves o programa de actuación para as próximas festas do Nadal, unha planificación que facilita “a transparencia e a participación” cidadá nos proxectos, en verbas do alcalde. Esta é precisamente unha das novidades previstas. O Concello, mediante convocatoria pública, quere captar propostas atractivas ambientas na festividade e de carácter innovador, como espectáculos de inverno, atraccións 3D… E a cidade oferta os espazos nos que emprazalos: en Teis (diante do Mercado), Bouzas (na Praza de Eduardo Cabello e na Alameda), nas Travesas (na praza á altura da rúa Coruña 9), na Prada do Berbés, na Praza de Portugal, na Praza Elíptica e en Coia (no torreiro das festas, á altura dos números 48 e 52 da Avenida de Castelao).

Abel Caballero detallou os principais fitos incluídos na programación municipal, na que figura novamente o Cíes Market, o mercado temático de Nadal e atraccións recreativas na Alameda, no entorno da Praza de Compostela, con medio centenar de casetas de venda, parque de ocio, atraccións infantís, unha noria xigante e unha rampla de xeo. A zona tamén acollerá iluminación e decoración de Nadal e un tren turístico polo centro urbano.

En segundo lugar, a peonil do Calvario contará co mercado temático de Nadal, cun mínimo de dez casetas de venda con estética de Nadal, iluminación, decoración e ornamentación, actividades de animación de rúa e infantís. En terceiro lugar, o Concello prevé instalar atraccións recreativas en varios puntos da cidade, como Rosalía de Castro, un carrusel clásico na Porta do Sol e na Praza da Independencia, un tren infantil na Praza do Progreso, unha pista de xeo na explanada do Náutico e no aparcamento de Samil, outra pista de xeo, unha de karts e outras atraccións.

O goberno que dirixe Abel Caballero prevé lanzar convocatorias para obter a autorización do dominio público para cada unha das propostas anotadas no programa de actuación municipal. Será tamén o procedemento administrativo que permita a funcionamento no próximo Nadal de trens turísticos, que oferten distintos percorridos pola cidade. Por último, o Concello contempla a realización de actividades e espectáculos de animación sociocultural, como concertos ou un circo temático de Nadal, seguindo a mesma forma administrativa do concurso público por concorrencia competitiva.

Descargar todas as imaxes