Escoitar

O Concello suma tres rutas turísticas na App Vigo

“Cemiterio de Pereiró, historia da cidade” e dúas rutas xincana “O Vigo dos Ilustres” e “A Porta do Tempo” incorpóranse xa á aplicación municipal para coñecer a Vigo e “impulsar o proceso turístico”, tal e como explicou o alcalde.

martes, 20 abr 2021

Abel Caballero explicou que a cidade é “un grande destino turístico desde hai uns anos e temos que estar preparados” para cando se poida recuperar a actividade turística coa superación da pandemia para o que é necesario, apuntou, “a vacinación e a distancia social”.

Así, o goberno municipal suma tres novas rutas turísticas á App Vigo quedando en 23 o total das propostas que inclúe a aplicación. “Cemiterio de Pereiró, historia da cidade” é unha ruta con audioguías teatralizadas e “O Vigo dos Ilustres” e “A Porta do Tempo” son dúas rutas xincanas con preguntas e datos curiosos da cidade. Trátase de rutas interactivas nas que o usuario irá respondiendo a preguntas e descubrindo pistas para chegar ata o final do camiño. A aplicación dará unha puntuación segundo o tempo de resposta, os fallos ou o uso de pistas.

Segundo avanzou Caballero “O Vigo dos ilustres” comeza na zona do Náutico, pasa polas rúas Areal, Rosalía de Castro, Policarpo Sanz e remata na oliveira do de Paseo de Alfonso. “A Porta do tempo” comeza na contorna da Laxe, leva aos usuarios polo Casco Vello, Porta do Sol, a Colexiata e a rúa Real ata Teófilo Llorente.

Amais, nos vindeiros días incorporaranse dúas rutas de arquitectura: “Vigo señorial” e “Vigo antigo” que se suman ás 23 que están dispoñibles arestora na app: 13 medioambientais e 8 rutas de interior e exterior.

Nas rutas exteriores a App Vigo localiza GPS para ofrecer información ao usuario e as rutas interiores utilizan beacons (balizas bluetooth) para detectar a proximidade do usuario ao punto de interés que contén a información. Tal e como sinalou o alcalde, este é o sistema que empregan os grandes museos do mundo: Guggenheim en Nova York, Louvre en París ou Cardiff en Gales. “Unha fórmula que estableceremos nos museos vigueses”.