O Concello autoriza a construción do primeiro cemiterio ecolóxico de mascotas en Galicia
Abel Caballero informou este martes da concesión da licenza de obras. A instalación, de promoción privada, presenta un orzamento de 200.000 euros, estará emprazada cerca do antigo vertedeiro do Zondal e servirá para rexenerar a parcela. O proxecto contou co asesoramento do Concello, dentro do programa Vigo Emprende.
O goberno de Vigo acaba de asinar o permiso urbanístico para erixir o que será o primeiro cemiterio ecolóxico de mascotas que funcione en Galicia. Segundo trasladou este martes Abel Caballero en rolda de prensa, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, rubricou onte luns a licenza de construción en favor da entidade privada Raíces Celtas, que presenta un proxecto de execución de 200.000 euros de orzamento.
O complexo alzarase na parroquia de San Andrés de Comesaña, nunha parcela degradada próxima ao antigo vertedeiro do Zondal. A intención da empresa é recuperar a zona mediante unha “cuberta vexetal”, segundo explicou o alcalde, e rehabilitando e ampliando edificacións existentes en estado ruinoso, que acollerán parte das instalacións do futuro cemiterio.
A proposta lanza un modelo “100% ecolóxico”, en verbas de Caballero, no que as cinzas do animal se depositarán en urnas biodegradables feitas con produtos naturais. O alcalde puxo en valor que o proxecto contou co servizo gratuíto de asesoramento e promoción de emprendedores do Concello, no programa municipal “Vigo Emprende”. “A verdade”, afirmou, “é unha destas iniciativas do Vigo emprendedor”, chamada a converterse na primeira destas características que opere en Galicia.