O rexedor felicita á Escola de Empresariais polo seu traballo a prol do progreso e avance da cidade
A Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo celebrou este venres o acto inaugural de celebración do seu centenario no que participou Abel Caballero, xunto ao reitor da Universidade, Manuel Reigosa, e á directora do centro, Consuelo Currás, e no que descubriron unha placa conmemorativa do aniversario.

Na súa intervención, o alcalde destacou o papel da Escola de Empresariais ao longo da súa historia por ser “quen de ir marcando unha parte do desenvolvemento da cidade e do sur da provincia”, nacendo a principios do século XX no contexto dunha “potente revolución industrial” na cidade e na que o seu apoio técnico permitiu desenvolver unha nova forma de organización empresarial e novos profesionais que se adaptaron ás empresas da modernidade.
O rexedor identificou a historia da Escola coa propia historia de Vigo trasladándolle a súa felicitación polo traballo realizado a prol do progreso e o avance da cidade.
Caballero amosouse “enormemente honrado” de estar presente no acto “polo que significades unha forma de entender a cidade, as novas necesidades e os cambios. A Escola marca unha forma de adaptación á realidade e sinto orgullo do que representades”, augurando que o alumnado formará parte da organización da “nova economía” no futuro.


