Escoitar

Membros do Padroado do Ifevi esixen unha reunión urxente para coñecer o proxecto de ampliación do recinto

Nin o Concello nin os membros do Padroado do Ifevi coñecen o proxecto da Xunta que prevé construír un módulo deportivo no recinto feiral. Por tanto, varios membros do órgano reitor solicitan por carta ao Conselleiro de Economía unha reunión urxente na que esixirán coñecer esta iniciativa ademais de solicitar unha vez máis a entrada da Zona Franca no Padroado.

xoves, 14 xan 2021

Abel Caballero avanzou esta mañá que tres membros do Padroado do Ifevi solicitan unha reunión urxente do mesmo para solicitar información sobre o proxecto anunciado pola Xunta de construír no Ifevi un módulo deportivo, unha iniciativa da que tampouco ten coñecemento o Concello. Javier Pardo, representante da administración local, Carlos Font, representante da Mancomunidade da Área de Vigo e máis Santos Héctor, representante da Deputación de Pontevedra, enviaron hoxe un escrito ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, no que denuncian o anuncio feito público pola Xunta, o que amosa unha falta total de respecto cara a todos os membros do Padroado.

Na opinión dos asinantes da carta, dixo o rexedor, a Xunta estase a arrogar decisións que lle corresponden ao Padrodado, co risco engadido de que estas resolucións dificulten o desenvolvemento do proxecto de ampliación e impidan que a obra estea rematada para a próxima edición de Conxemar. Caballero insistiu na rolda de prensa en que o obxectivo da Xunta é aforrar os 5,5 millóns de euros comprometidos para a reforma das pistas de atletismo de Balaídos.

Ademais, o Concello, a través da Concellería de Urbanismo, tamén solicitou o proxecto para comprobar que se axusta á legalidade urbanística. O rexedor reiterou que foi a administración local a que financiou a expropiación dos terreos en base a un documento que agora podería verse afectado se o proxecto que se desenvolve presentara cambios substanciais.

Estes tres membros do órgano do reitor do Ifevi tamén reclaman na súa carta a entrada da Zona Franca no Padroado, unha institución que se ofrece a achegar 5 millóns de euros ao desenvolvemento do recinto feiral.