Escoitar

O Concello lanza a convocatoria deste ano de axudas a vítimas de violencia de xénero

O BOP publica este mércores as bases do programa de apoios económicos ás mulleres, por importe total de 20.000 euros. As solicitudes poderán presentarse practicamente durante todo o ano, ata o 23 de decembro, para afrontar gastos esenciais como hospedaxe, alimentación, transporte ou farmacia, explicou o alcalde.

mércores, 13 xan 2021

A edición de 2021 da liña de axudas económicas municipais a mulleres vítimas de violencia de xénero avanza na súa tramitación coa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra das bases do programa, por importe total de 20.000 euros.

Abel Caballero trasladou este mércores en rolda de prensa que o obxectivo do Concello é ofrecer ás vítimas con menos ingresos un apoio económico para facilite a súa autonomía e independencia, para poder afrontar gastos básicos como a lavandería, hospedaxe, alimentación, hixiene, farmacia, alugueiro, transporte, consumos ou formación, entre outros.

Con 64 mulleres beneficiarias na convocatoria do ano pasado, as solicitantes teñen que ser usuarias dos dispositivos de atención ás vítimas de violencia de xénero do Concello (o Centro municipal de información dos dereitos da muller, o Centro de emerxencia e/ou a Rede municipal de vivendas de protección) e as propias traballadoras sociais encárganse do asesoramento, a valoración profesional e a acreditación da situación.

Para facilitar o acceso ao programa, o prazo de solicitudes estará aberto case que todo o ano, ata o 23 de decembro, desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. Unha vez concedida a axuda, a persoa beneficiaria deberá acreditar o gasto realizado nun prazo de dez días.

O rexedor vigués puxo en valor unha iniciativa que se enmarca no apoio do Concello á igualdade e contra a violencia machista, ao que se destina 1,5 millóns de euros. Entre as principais accións, o alcalde destacou o Centro de emerxencia para vítimas que acolle a mulleres de toda España, ao que a administración que preside destina 241.000 euros. Ademais, Vigo conta cun Centro municipal de información e servizos á muller, que ofrece asesoramento psicolóxico, social e xurídico, un Programa de atención psicolóxica a menores, o servizo de canguros e o EVAP, o Equipo de Vixilancia e Apoio Policial, entre outras.