O goberno local reclama á Xunta que achegue fondos para a desinfección de espazos públicos na cidade
Abel Caballero apunta que é "obriga" do goberno autonómico a desinfección Covid e para ese fin recibiu recursos do Estado polo que censura que a Vigo non teña chegado "nin un euro dos centos e centos de millóns" transferidos cando a cidade investiu máis de 1,5 millóns de euros en tarefas de desinfección.
O alcalde explicou este martes en rolda de prensa que, desde o inicio da pandemia, o goberno municipal executou xa dous contratos específicos para a desinfección de parques infantís, áreas biosaudables e pistas deportivas da cidade dedicando máis de medio millón de euros a este fin, que é unha "obriga da Xunta de Galicia. E non o fai, facémolo nós".
Caballero cifra en 750 millóns de euros a achega do Estado á Xunta para afrontar os gastos derivados da pandemia sanitaria do Covid-19 dos que a Vigo chegaron "0 euros" mentres noutras comunidades están pagando". Por iso, "reclamamos ao goberno autonómico que o pague" porque sumando a desinfección das rúas á dos parques públicos, o Concello ten gastado xa máis de 1,5 millóns de euros.
Ante a inacción da Xunta de Galicia, o Concello abriu unha nova contratación para desinfectar os parques infantís, áreas biosaudables e pistas deportivas da cidade e, desde onte luns, permanecen abertos 15 macroparques infantís e 5 parques para as persoas maiores que se desinfectan cada día, mantendo a "oferta para que utilicen pequenos e maiores mentres se desenvolve a tramitación" do novo contrato.