Caballero alerta á cidadanía ante o repunte da pandemia: “Hai que extremar a precaución”
Abel Caballero advertiu este luns de que os datos da expansión do coronavirus na cidade de Vigo e na súa área sanitaria indican un novo repunte. “Temos que extremar as precaucións”, sinalou antes de amosar a súa preocupación pola existencia de pequenas festas en domicilios particulares.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este luns de novo á cidadanía que extreme as precaucións ante o aumento dos casos de coronavirus experimentado durante os últimos días na área sanitaria. “Hai que limitar as reunións e os contactos estreitos, porque o repunte nótase, está aí, é certo que a dúas velocidades, pero incluso en área conexas, como en Vigo ou en área, podería ser ao revés, non falo de culpabilidades, constato datos”, sinalou.
Caballero insistiu en que “temos que extremar todos a precaución, non ter confianza, é moi contaxioso e todo sinala que o principal foco son reunións de grupos”. O rexedor tamén alertou sobre os numerosos casos de festas privadas en domicilios particulares. “A Policía detectou esta fin de semana un número significativo de reunións en pisos, pequenas festas de persoas non convivintes, esa é a limitación que temos que ter, é a principal fonte de contaxios, as reunións de familiares é unha causa moi importante de contaxio”, apuntou.
Así, indicou que a Policía Local impuxo onte 11 sancións e identificou a 235 persoas e 18 vehículos. “Dentro do cumprimento da legalidade absoluta queremos actuar con contundencia, coa legalidade por diante, porque é unha enorme irresponsabilidade, queremos advertir de que non se poden facer festas”, sinalou.
Benestar Social
Tamén informou o alcalde de que a día de hoxe hai 38 persoas no albergue municipal, 12 na Fundación Santa Cruz e outras 52 en hostais e hoteis habilitados polo Concello. “Todas as persoas que dormen na rúa é porque rexeitaron hotel, ofrecemos a todos, teñen hotel a súa disposición, non os podemos obrigar”, explicou.
Ademais, indicou que a Unidade de Rúa leva comida, bebida quente e roupa de abrigo á xente que pasa a noite na rúa e que este servizo ampliou o seu horario tamén ao fin de semana.