Vigo mellorou o tráfico no 2020 e elevou a boa calidade da circulación ao 92,5% dos itinerarios
O Concello conta cada ano cun estudo que avalía a calidade do tráfico en corenta percorridos. Sobre o exercicio anterior, o 2020 reflicte un avance de 34 a 37 itinerarios con circulación boa ou moi boa, segundo trasladou este luns o alcalde. Dos tres restantes, dous víronse afectados polas obras da Gran Vía, xa finalizadas.
Abel Caballero deu conta este luns do informe que analiza a calidade do tráfico na cidade durante o pasado ano en corenta itinerarios, un documento que destaca que a circulación foi boa ou moi boa en trinta e sete percorridos, o 92,5% do total. Son tres máis que no 2019, que rexistrou trinta e catro, o 85%.
Só tres traxectos recibiron a cualificación de regular (dous) ou mala (un), polos seis do anterior ano. Destes tres, anotou Caballero, dous transitan a Gran Vía no treito entre Urzáiz e a Praza de España, rúa que estivo boa parte do 2020 en obras para a implantación das ramplas mecánicas do Vigo Vertical.
O rexedor tamén subliñou o incremento da velocidade media rexistrada nas corenta rutas, que no 2020 superou lixeiramente os 25 quilómetros por hora (25,46) cando no ano previo non chegou aos 23 quilómetros por hora (22,98).
Para o análise dos corenta itinerarios, os técnicos recollen datos nos días laborables, entre as 8 e as 20 horas, ao longo dos catro trimestres do ano e miden dous parámetros: a velocidade media no total do percorrido e a velocidade media rexistrada só cando o vehículo está en movemento. Canto máis se aproximen ambos parámetros, mellor será a calidade da circulación, xa que revelará un menor tempo de parada por traxecto.