O Concello apagará as luces de Nadal o domingo nun acto con aforo para 50 persoas
O alcalde avanzou esta mañá que as luces de Nadal apagaranse ás 19,00 h do próximo domingo 10 de xaneiro. Será nun acto solemne organizado en Policarpo Sanz con aforo para medio cento de persoas sentadas en cadeiras.
O Nadal toca ao seu fin e con el chega o apagado do alumeado previsto para o domingo 10 de xaneiro ás 19,00 h. A grande árbore instalada este ano en Policarpo Sanz será de novo o escenario desde o que se despedirán as festas deste 2020, emprazando xa a toda a cidade para ás do ano que vén, tal e como explicou o rexedor en rolda de prensa. Está previsto un acto solemne con aforo para unhas cincuenta persoas sentadas en cadeiras para garantir a distancia de seguridade.
Concerto de Aninovo
O alcalde tamén anunciou o Concerto de Aninovo que a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, ofrecerán no Auditorio Municipal mañá sábado ás 19,00 horas. Este conxunto está integrado por preto de 50 membros de entre 7 e 22 anos, con formación en instrumentos de corda, piano e percusión. O concerto é gratuíto, con límite de aforo e cumprimento das normas covid.