Escoitar

O goberno de Vigo adicará 500.000 euros a mellorar o campo de fútbol de Santa Mariña

O equipo dirixido por Abel Caballero aprobou este xoves os proxectos básico e de execución, trámite previo á licitación do concurso público para acometer a renovación do céspede artificial e das instalacións de luz e enerxía do terreo de xogo de Cabral.

xoves, 7 xan 2021

O Concello de Vigo prosegue coa transformación das instalacións deportivas da cidade. A Xunta de Goberno Local, reunida este xoves, validou os proxectos básico e de execución para a renovación do céspede artificial e das instalacións no campo de fútbol de Santa Mariña, en Cabral, unha obra que presenta un prazo máximo de execución de tres meses e un orzamento de medio millón de euros.

En rolda de prensa posterior, Abel Caballero explicou os traballos a executar, que pasan pola instalación dun novo céspede artificial “de última xeración”, dun colector soterrado para as canalizacións e de sistemas eficientes de iluminación (con torres e proxectores de alumeado LED) e de enerxía (cunha nova caldeira de biomasa).

Logo da aprobación dos proxectos, o seguinte paso será a preparación dos pregos de condicións para sacar as obras a concurso público; en proceso previo á licitación tamén se atopa a reforma do campo do Vao, segundo indicou Caballero. Pola súa banda, as remodelacións do terreo de xogo da Guía e de Fragoselo xa están adxudicadas, só pendentes do inicio efectivo das obras, e o Concello traballa nos proxectos das segundas fases das melloras dos campos de Samil e do Carballal. O alcalde recordou que o Concello que preside xa actuou nos recintos de Navia, Candeán, Meixoeiro, A Bouza, Bouzas, Sárdoma, San Andrés de Comesaña, Samil, Valadares, San Miguel, Monte da Mina e da ETEA.