Escoitar

O Concello forma a 315 persoas de difícil empregabilidade co programa Vigo pola inserción laboral

Este programa municipal de emprego está dotado con 2,1 millóns de euros, dos que unha parte proceden de fondos europeos. Os alumnos con rendas iguais ou inferiores ao 75% do IPREM recibirán un apoio de económico de case 300 euros mensuais.

xoves, 14 xan 2021

O rexedor deu conta esta mañá da boa marcha do programa de emprego Vigo pola inserción laboral que permitirá formar a 315 desempregados de colectivos vulnerables para facilitarlles a súa incorporación ao mercado laboral. A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o procedemento de pago das achegas económicas que poden recibir os participantes con rendas iguais ou superiores ao 75% do IPREM, que ascenden a uns 300 euros ao mes.

No ano 2020 iniciáronse 7 cursos con 105 alumnos, unha cifra que subirá en 210 participantes en 2021. Todos eles reciben orientación personalizada, formación adaptada ao seu perfil e prácticas en empresas para lograr unha acreditación oficial, ademais da inserción laboral. Os itinerarios formativos inclúen comercio, catering, atención sociosanitaria a persoas dependentes, actividades de venda, organización e xestión de almacéns, operacións básicas de cociña e soldadura. Trátase, dixo o rexedor, “dun dos grandes proxectos de formación e ocupación de toda Galicia”.