Concello e Deputación invisten 616.000 euros na cubrición dos patios dos Ceip Balaídos e Pintor Laxeiro
O alcalde e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este xoves o convenio de colaboración entre ámbalas institucións para a execución das obras que permitirán que os centros conten cunha zona de recreo cuberta. Amais, o goberno municipal investiu este ano 745.000 euros en obras en colexios, un 30% máis ca en 2019.
Segundo informou Abel Caballero en rolda de prensa, o convenio suma un importe total de 616.000 euros, dos que a Deputación achega 600.000 euros e o Concello, 16.000. As obras de cubrición do patio do CEIP Balaídos teñen un orzamento de 420.000 euros mentres as do CEIP Pintor Laxeiro ascenden a 196.000 euros.
O Concello, explicou o alcalde, xa investiu case 2 millóns de euros na cobertura de 5 patios en centros escolares: García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal. Con cargo a remanentes realizaranse as cubertas dos patios do Villalaura e do Frián Teis, por valor de 700.000 euros e, ademais, o orzamento de 2021 reserva 300.000 euros para acometer obras noutros patios.
O alcalde censurou que a Xunta de Galicia non asuma a súa “obriga” de cubrir os patios dos colexios acumulando na cidade unha “lista de espera” de 13 peticións de centros escolares: Javier Sensat, Celso Emilio Ferreiro, Seis do Nadal, Mestres Goldar, Otero Pedraio, Josefa Alonso, Doblada, Valle-Inclán, Escultor Acuña, Fontescura y Saladino Cortizo, Atalaya e Carlos Casares. “Non cubriu ningún patio; é un escándalo político que reflicte a desatención da Xunta de Galicia e de Feijóo aos colexios de Vigo”, sinalou.
O goberno municipal investiu neste ano 2020 745.000 euros na realización de obras nos centros de Infantil e Primaria, un incremento do 30% respecto a 2019 no que se dedicaron 572.000 euros. Con todo, apuntou Caballero, considerando soamente o ingresado directamente aos colexios para autoxestión, o incremento é dun 61% e o 60% das obras realizadas polo Concello son “competencia exclusiva da Xunta de Galicia”, engadiu, “440.000 euros neste 2020 sen contabilizar a cubrición de patios”. Así, reitera o alcalde que a “Xunta de Galicia ten abandonada a educación na cidade”.