Escoitar

As axudas de emerxencia suben nun 22% respecto a 2020 e non terán límite orzamentario

O alcalde deu conta esta mañá da aprobación as axudas de emerxencia que non teñen límite orzamentario e que xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000, 200.000 euros máis que o ano pasado. Ademais, o Concello financia comedores sociais da cidade cun importe de 230.950 euros.

xoves, 17 dec 2020
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

A Xunta de Goberno deu luz verde ás bases da convocatoria do “Programa contra desafiuzamentos e emerxencia social para o ano 2021”, cun importe de 1.125.000 o que supón un incremento de 200.000 euros respecto a 2020 (un 22%). En todo caso, tal e como vén repetindo o rexedor nos últimos meses, trátase dunha partida que non ten límite orzamentario e as achegas estarán operativas xa desde o 1 de xaneiro.

Segundo detallou o rexedor, este ano as bases recollen un incremento de cen euros nos máximos de subvención por conceptos de alugueiro e alimentación e de 50 euros, no caso dos alimentos. Respecto ás achegas do 2020, o 64% do total foi para alimentación básica e o 26% para aloxamento ou alugueiro. Con moita diferencia atópanse outros conceptos como o pago de subministros.

Ademais, o Concello financia comedores sociais na cidade por valor de 230.950 euros, un 21% máis que no exercicio de 2020. Sal de la Tierra: 10.000 euros; Comedor de la Esperanza: 54.750 euros; Vida Digna: 45.000 euros; AFAN: 55.000 euros; Banco de Alimentos: 83.000 euros; Fundación Santa Cruz: 57.000 euros e Misioneros del Silencio: 26.200 euros.

Cristo da Guía

O goberno local tamén deu luz verde ao proxecto de convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a instalación da escultura do Sagrado Corazón na torre da capela da Guía. Tal e como explicou, esta actuación enmárcase nun acordo que se dividen en dúas fases. A primeira pasa pola instalación da escultura do Cristo na torre da capela, cun orzamento de 84.000 euros, financiados pola Deputación. Nunha segunda fase, acometerase un proxecto de iluminación ornamental exterior da capela, cun importe de 21.000 euros. Ademais, o Concello xa traballa na reforma integral das luminarias de todo o parque da Guia, cun importe de 398.000 euros.

A ermida da Guía é unha construción de mediados do século XX, levantada sobre outra antiga capela do século XVI e constitúe unha “xoia da arquitectura de Galicia”. A colocación da escultura, realizada pola Escola de Canteiros da Deputación, culmina o proxecto de Antonio Palacios e Gómez Román convertendo o promontorio de 126 metros de altura nunha referencia turística e identitaria da cidade e da ría de Vigo.

Descargar todas as imaxes