Escoitar

O Pleno aproba o uso dos 36 millóns de euros de remanentes municipais

A Corporación Municipal aprobou de forma definitiva no Pleno extraordinario deste mércores a modificación orzamentaria para o crédito extraordinario financiado con remanentes de Tesourería. Saíu adiante coa abstención do PP e o voto en contra de Marea de Vigo e o concelleiro non adscrito.

mércores, 16 dec 2020
Momento do Pleno celebrado este mércores
Momento do Pleno celebrado este mércores

O alcalde avogou polo uso do aforro do Concello na creación de postos de traballo que son “importantes para a economía. Os investimentos xeran miles de empregos”, dixo, engadindo que nas reunións que mantén con representantes sindicais estes demandan a creación de empregos con obras na cidade.

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo no debate plenario que coa aprobación desta modificación orzamentaria Vigo convértese no “primeiro concello de España” que usa o seu aforro para reactivar a economía facendo un “gasto público produtivo que non compromete o gasto futuro e que permite manter e mesmo aumentar o emprego”. O Concello mobilizará 36 millóns de euros de investimento para a cidade “en distintos ámbitos e en tódalas parroquias”, apuntou Aneiros, apostando por un Vigo Verde sostible e medioambientalmente, por un Vigo de vangarda, coas obras do Vigo Vertical ou coa redución de barreiras á mobilidade co obxectivo de “facer un máis e mellor Vigo” sen “deixar a ninguén desatendido”.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, criticou o investimento do aforro municipal por “estar fóra da realidade”, ao non ter considerado as achegas da oposición ou dos colectivos cidadáns. O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, censurou que con estes investimentos non se faga “unha lectura real do que pasa na cidade” mentres o voceiro popular, Alfonso Marnotes, rexeitou que o investimento do aforro non contemple axudas para a hostalería e o comercio da cidade.

 

Descargar todas as imaxes