Escoitar

O Goberno de España redacta o proxecto construtivo da humanización da Avenida de Madrid

O Ministerio de Transportes validou o expediente de información pública e aprobou definitivamente o trazado da remodelación da principal vía de entrada á cidade, segundo informou este mércores Abel Caballero. O Estado xa elabora o proxecto construtivo dunha humanización que executará o Concello, cun orzamento de 13,4 millóns.

mércores, 16 dec 2020

Avanza a tramitación administrativa da humanización da Avenida de Madrid. O alcalde comunicou este mércores a aprobación do expediente de información pública e do trazado da reforma, ambos por parte do Ministerio de Transportes, que enviará o preceptivo anuncio para a súa publicación en próximas datas no Boletín Oficial do Estado (BOE).

O Goberno de España xa traballa na redacción do proxecto construtivo, anotou Caballero, o documento no que se baseará a apertura do concurso público para executar os traballos de humanización. Tanto a licitación como a execución correrán a cargo do Concello de Vigo.

En virtude do convenio asinado por Ministerio e Concello, a obra presenta un orzamento de 13,4 millóns de euros e suporá a transformación da Avenida, desde o entorno do seminario ata a Praza de España. O alcalde concretou o modelo de financiamento acordado, no que o Goberno de España faise cargo de dous terzos do custo -nove millóns de euros-, mentres que a cidade asume o terzo restante.

Abel Caballero puxo en valor unha reforma que converterá a Avenida de Madrid nunha vía plenamente urbana, con máis pasos de cebra para facela permeable para os peóns e con maior seguridade viaria, grazas á remodelación das interseccións, singularmente as das rúas San Roque e Gandarón. A humanización traerá consigo a renovación do firme, novas beirarrúas e iluminación, verde e incluso esculturas, tal e como apuntou o rexedor, ademais de eliminar as actuais vallas metálicas de separación entre os carrís centrais e os exteriores, que serán substituídas por medianas axardinadas.