Vigo acende as luces do “Nadal da ilusión”
O alcalde prende a iluminación navideña ás 20 horas desta tarde dende a árbore de Policarpo Sanz, nun acto con aforo limitado a cen persoas e con seguridade Covid. O Concello ilumina 350 rúas, tanto no centro coma nos barrios, cun total de 10 millóns de luces led que abren o Nadal “da seguridade Covid e da ilusión”.
Co acendido das luces de Vigo este mércores ás 20:00 horas do serán “iníciase o Nadal no planeta”, afirma Abel Caballero, cuxa primeira mensaxe é “luces e Nadal 1000x100 Covid seguros”, polo que recomenda á cidadanía que siga o acto desde as súas casas, a través dos medios de comunicación e da retransmisión que poderá visualizarse a través da web do Concello.
O acto ten un aforo limitado a 100 persoas, que serán representantes de asociacións culturais, sociais e veciñais viguesas, e desenvólvese nunha rúa acoutada e respectando as medidas de seguridade. “Abrimos un Nadal distinto, que vai ser o Nadal da seguridade Covid e o Nadal da ilusión. Queremos que Vigo reviva na ilusión, que as xentes de Vigo volvan vivir a ilusión do Nadal, con sosego e tranquilidade”, sinalou o rexedor”
O alcalde destaca a importancia dos cativos nestas festas, dado que están sufrindo moito pola pandemia, polo que quere que “sexa o Nadal da ilusión das nenas e nenos, do sorriso, da alegría das nenas e nenos, que vexan as luces ao saír á rúa e as gocen coa familia”. Con todo, recoñece que estas serán unhas festas diferentes, sen as aglomeracións de anos anteriores pero nas que o seu desexo é que “a alegría e ilusión de Vigo sexa a alegría e ilusión de toda España”.
O goberno municipal ten acoutadas 62 rúas da cidade, con cámaras instaladas para controlar o cumprimento do aforo e con persoal contratado para vixiar o cumprimento da normativa de seguridade, xa que o máis importante é para o rexedor “a acción cidadá: prudencia, prudencia e prudencia, distancia, máscaras, hixiene, non facer reunións e atender ao que digan as autoridades sanitarias”. Así chama á cidadanía a vivir o Nadal de Vigo con ilusión pero con “contención no comportamento, para que nos mes de xaneiro non haxa un repunte dos casos e que todas e todos esteamos aquí cando cheguen as vacinas”.