Escoitar

O goberno de Vigo aproba o convenio coa Deputación para as cubertas dos patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro

O Concello aprobou este mércores os proxectos de convenio de colaboración coa Deputación para cubrir os patios do CEIP Balaídos e do Pintor Laxeiro. Abel Caballero informou ademais de que a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace ao proxecto para a humanización das rúas Julia Minguillón e Vista Alegre.

mércores, 2 dec 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores en rolda de prensa que a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio coa Deputación de Pontevedra para os proxectos das obras no CEIP Balaídos e no Pintor Laxeiro, por importe total superior aos 600.000 euros.

Abel Caballero concretou que o proxectado para o CEIP Balaídos é cubrir a pista deportiva de maior tamaño, a máis próxima á entrada, para o que se estima un prazo de tres meses de obras, unha vez adxudicado o contrato. No Pintor Laxeiro, tamén cun cálculo de tres meses de traballos, o Concello creará o espazo cuberto na zona infantil, dotándoa dunha estrutura metálica con cuberta curvada.

Pintor Laxeiro e Balaídos non son as dúas únicas instalacións educativas que contarán en próximos meses con patio cuberto. O alcalde recordou que, con cargo aos remanentes en proceso de aprobación, o goberno que preside reserva outros 700.000 euros en total para afrontar o mesmo proxecto nos colexios Frián-Teis e no Villalaura. Así, os catro engadiranse ás cinco cubertas xa realizadas polo Concello: no García Barbón, no Canicouva, no Virxe do Rocío, no Castelao e no Carballal.

Caballero trasladou que, pese a ser “obrigación” da Xunta de Galicia, o Concello continuará afrontando a demanda educativa e o orzamento do Concello para o 2021, aprobado inicialmente, consigna outra partida de 300.000 euros ao efecto. O goberno local ten solicitudes doutros trece colexios: Javier Sensat, Celso Emilio Ferreiro, Seis do Nadal, Mestres Goldar, Otero Pedraio, Josefa Alonso, Doblada, Valle-Inclán, Escultor Acuña, Fontescura, Saladino Cortizo, Atalaia e Carlos Casares. “Non vou deixar que os nenos dos colexios de Vigo teñan que facer o seu recreo na chuvia”, asegurou

Julia Minguillón

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace ao expediente de contratación das obras dos proxectos de humanización das rúas Julia Minguillón e Vista Alegre, cun orzamento superior a un millón de euros.