Escoitar

O goberno local adxudica por 15,5 millóns a nova bancada de Marcador

A Xunta de Goberno Local resolveu o xoves o procedemento de contratación das obras de demolición e construción de Marcador e a reconfiguración das butacas de Río Baixo para gañar espazo entre filas. O Concello presidido por Abel Caballero aprobou ademais a oferta de emprego público para oito vacantes de enxeñeiros e técnicos de administración xeral.

venres, 6 nov 2020

A transformación do estadio municipal de Balaídos continúa avanzando coa adxudicación definitiva das obras de construción da nova bancada de Marcador, en favor de Copasa por 15.467.000 euros. Abel Caballero puxo en valor que Concello e Deputación fanse cargo do importe total dunha remodelación que fora adxudicada provisionalmente a finais de outubro.

O alcalde recordou que a bancada do novo Marcador estará pegada ao terreo de xogo, salvando a distancia existente coa configuración orixinal, e dará continuidade á cuberta ondulada e celeste que xa loce en Río e en Tribuna. O proxecto contempla oito ascensores que darán servizo tamén aos laterais do estadio e a supresión das dúas torres exteriores de iluminación, redistribuíndo os focos existentes no resto das bancadas.

O contrato adxudicado incorpora a actuación pactada coa Federación de Peñas do Real Club Celta de Vigo para mellorar a comodidade en Río Baixo. Os afeccionados gañarán entre quince e dezaoito centímetros de espazo eliminando unha de cada cinco filas, ampliando o sitio dispoñible.

Oferta de Emprego Público

Na sesión deste pasado xoves, o goberno dirixido por Abel Caballero validou á convocatoria e bases da segunda fase dos procesos selectivos das ofertas de emprego dos anos 2017, 2018 e 2019, con oito postos para enxeñeiros e técnicos de administración xeral.

En particular, segundo detallou o alcalde, o Concello inicia a oferta de dúas vacantes de enxeñeiro de camiños, canais e portos, unha de enxeñeiro industrial, outra de enxeñeiro técnico industrial e outras catro de técnico de administración xeral. Todas son de acceso libre salvo unha das catro de técnico, que se reserva para promoción interna. Unha vez aprobada, esta oferta de emprego terá que ser publicada primeiro no BOP e despois no DOG, antes de poder chegar ao BOE e iniciar o proceso de admisión e selección.

Abel Caballero recordou que a primeira fase oferta 62 prazas para Policía Local e 24 máis para Bombeiros. As bases e convocatoria das 86 vacantes de seguridade xa foron publicadas nos tres diarios oficiais e está pechado o prazo de solicitudes, que están en revisión para eventuais corrección de erros. O alcalde comunicou que o Concello está a consultar con Sanidade como proceder coa selección, en particular as probas físicas, tendo en conta a normativa vixente polo Covid-19.