Escoitar

O orzamento municipal para 2021 consigna case 37 millóns á seguridade de Vigo

O goberno local dedicará case 37 millóns á seguridade de Vigo no próximo ano, tal e como detallou esta mañá en rolda de prensa. Desta partida, destacou entre outros conceptos, 18 millóns para a Policía Local e más de 4 para o mantemento da rede semafórica.

xoves, 5 nov 2020

O alcalde proseguiu esta mañá dando conta do contido nos orzamentos de 2021 aprobados esta semana pola Xunta de Goberno. Nesta ocasión detallou as partidas de seguridade, cun importe total de 36,7 millóns dos que máis de 18 millóns son para a Policía Local, incluíndo un millón para facilitar a xubilación aos sesenta anos dos axentes que así o desexen, un dereito acadado polo propio Abel Caballero, como presidente da FEMP. Tal e como detallou, as contas inclúen tamén, entre outras partidas, 390.000 euros para o renting de vehículos e motocicletas; 70.000 euros para chalecos antibalas ou 35.000 euros para material anticovid. Neste apartado de tráfico e seguridade viaria, aparecen 4,3 millóns para a conservación e mantemento da rede semafórica; 2,6 para o servizo da grúa; 600.000 euros para marcas e viais (pintura) ou 20.000 para pasos de peón resaltados.

Festas

O epígrafe de festas recolle este ano unha diminución do orzamento de 200.000 euros, e sitúase en 3,4 millóns, dado que as celebracións previstas nos primeiros meses de ano estarán condicionadas pola crise. A este respecto, Caballero aclarou que as festas non só diversión, senón que tamén son “grandes xeradoras de economía”. As chamadas festas de Vigo contan cunha partida de 1,9 millóns para a organización de concertos, entre outras cuestións. Unha das actuacións, se o contexto sanitario o permite, será a de Sting, suspendida neste 2020 polo Covid. Outros acontecementos destacados son: Entroido (100.000 euros); O Marisquiño -cofinanciado pola Deputación – (320.000 euros); o convenio coa Agrupación de centros culturais (85.000 euros); actividades de festas en xeral (175.000 euros); Festa da Reconquista (75.000 euros); Brincadeira de Bouzas (15.000 euros); Vicus Spacorum en Navia (14.000 euros); Festival Folclórico de Vigo (63.000 euros) e, finalmente, transferencias a entidades e comisións de festas (130.000 euros).

Turismo

4.134.000 euros é a cantidade que recollen os orzamentos en materia de turismo, dos que 2,6 millóns son para promoción en rutas aéreas, unha cantidade pendente de executar ou non en función da evolución da pandemia xa que de feito, “o contrato vixente nestes momentos está paralizado ata que haxa garantía covid”. O convenio Illas Cíes, Patrimonio Inmaterial da Humanidade conta con 250.000 euros; a Fundación Vigo Convention Bureau, 200.000 euros; promoción turística en xeral, 655.000 euros; e a sinalización turística, con 14.000 euros.

O apartado de comercio ten consignados 1,5 millóns, dos que unha parte singular financia as luces de Nadal. A partida inclúe tamén plans de dinamización comercial e subvencións ao pequeño comercio -fundamentalmente en publicidade porque é a única competencia municipal -, ademais de reservar 75.000 euros para o control dos mercados ambulantes de Coia e Bouzas.

Xuventude

O goberno vigués destina 841.479,33 euros a Xuventude, cun incremento en 21.000 euros respecto ao ano pasado. Campamentos de verán, o Vigosónico ou as ludotecas da Casa da Xuventude, Coruxo, Lavadores e APAMP son algunhas das partidas máis destacadas neste apartado.

A orzamento que aparece baixo o epígrafe de Participación Cidadá é de 1.174.000 euros en 2021, o que supón unha rebaixa respecto do ano pasado debido que o servizo 010, dotado con 245.000 euros, foi incluido no departamento de Administración Electrónica e, ademais, no 2020 figuraba neste apartado unha partida específica de 100.000 euros para realizar unha obra no edificio da Garda Civil. Segundo explicou, mantense a atención ás oficinas descentralizadas, os centros culturais, así como subvencións ás seguintes entidades: Anhida; Asociación Monte da Mina; Asociación Sordos Vigo: 7.000; Federación de Peñas Recreativas El Olivo; Asociación de Jubilados y Pensionistas Villa Galicia (nova incorporación); Asociación Mariñeiros Artesanais; Fundación Igualarte; Asociación Jóvenes Empresarios; Amigos do Rocío; FEAFES; ademais de subvencións a entidades e asociaciones veciñais por concurrencia competitiva (375.000 euros).

 

Descargar todas as imaxes