Escoitar

Caballero: “Temos que estar máis activos que nunca nas medidas de precaución”

O alcalde de Vigo fixo este mércores un novo chamamento á cidadanía para que se cumpran as medidas tomadas fronte a evolución do Covid-19. Caballero insistiu na necesidade de aumentar o número de rastrexadores e de PCRs, así como reforzar a Atención Primaria.

mércores, 4 nov 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu este mércores en rolda de prensa da evolución da pandemia do Covid-19 e dos novos casos nos últimos días. “Mentres haxa un só contaxio temos que permanecer activos e actuar con absoluta prudencia”, sinalou minutos antes de que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciase as novas restricións para todo o mes de novembro.

Caballero sinalou que mantivo este martes unha conversa co conselleiro de Sanidade, a que volveulle a pedir os datos por municipio para coñecer as zonas da cidade máis afectadas e poder dar apoio, vixiar e actuar coa Policía.

“Segue habendo tendencia de crecemento e quero pedir cumprimento exquisito ás normas de calquera administración, sexa Xunta ou Goberno, houbo un aumento e de ningún modo pode pasar, temos que cumprir e estar activos nas precaucións”, engadiu.

Respecto das sancións impostas pola Policía Local nas últimas horas, o alcalde incidiu en que houbo un incremento, polo que pediu “moita cautela”. Así, indicou que foron controlados 787 vehículos, dos que 23 foron multados por non cumprir o peche perimetral. Tamén houbo sancións a 4 cafeterías, 22 persoas por non utilizar máscaras, 2 persoas non conviventes por reunirse e outras 6 por incumprir horarios nocturnos.

Descargar todas as imaxes