O Concello prevé un investimento de 85 millóns de euros para o vindeiro ano
O alcalde avanzou este martes os investimentos que recolle o Orzamento Municipal para o vindeiro ano de 25,8 millóns de euros, que se suman ao investimento previsto cos remanentes de case 36 millóns de euros e aos que cómpre sumarlle o investimento doutras institucións na cidade. Entre as partidas máis destacadas figuran as humanizacións (10,6 millóns), o Estadio de Balaídos (6 millóns de euros), 2,3 millóns do programa DUSI ou máis de 1,5 millóns para Política Social.
Abel Caballero deu conta este martes das principais liñas do investimento municipal previsto no Orzamento de 2021 que supoñerá unha "gran mobilización de recursos económicos na cidade". Aos 25,8 millóns de euros que recolle o documento orzamentario para investimentos o vindeiro ano, cómpre sumarlle os case 36 millóns de investimento de remanentes municipais, quedando pendentes as cifras de investimentos adicionais en Vigo doutras institucións así como os investimentos que xa ten en marcha o goberno municipal.
Abel Caballero destacou algunhas das partidas do investimento municipal para 2021: 1,1 millóns de euros no servizo de bombeiros coa primeira anualidade de 410.000 euros para o novo parque de Vigo, que se construirá no ámbito de Esturáns, na nave que posúe o Concello detrás de Barreras. Ademais, o orzamento recolle a adquisición dun vehículo adicional para primeira saída de bombeiros, por valor de 400.000 euros, e equipos de respiración e hidrolavadoras por un importe de 240.000 euros así como melloras nos parques municipais. No ámbito da disciplina urbana o investimento será de 268.000 euros, dos que 120.000 euros serán para o corredor do Lagares.
O investimento no capítulo de humanizacións suma 10.623.000 euros que inclúen: a segunda anualidade das obras de acceso á autoestrada e á estación de alta velocidade de Vigo desde Lepanto (5.991.000 euros), o inicio da humanización da Avenida da Hispanidade, entre Zamora e Pintor Colmeiro, a primeira anualidade da humanización Avenida de Madrid (2.247.000 euros), a humanización Martínez Garrido, última fase (550.000 euros), o inicio da humanización da Avenida de Europa, a humanización da Praza de San Mauro en Matamá (300.00 euros), o inicio da humanización da rúa México e a gran reforma e obras do paseo marítimo de Bouzas, de 550.000 euros na primeira anualidade. Segundo explicou o rexedor, o goberno municipal estaba "esperando a autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia". Amais, o investimento contempla a humanización de Calexón Balado, Serafín Avendaño entre Areal e Rosalía de Castro, un plan de humanizacións en barrios de 500.000 euros, a humanización de García Barbón entre Rosalía e Isaac Peral (244.000 euros) e a finalización da humanización da Ronda de don Bosco (50.000 euros).
O Programa DUSI Vigo ten un importe de 2.382.000 euros para 2021: as obras da Porta del Sol 1,4 millóns de euros, a construción dun ascensor entre Camelias e Hispanidade por un importe de 400.000 euros para completar o tramo comprendido desde o Auditorio Mar de Vigo e Hispanidade; "vamos a conectar toda esa zona", explicou o alcalde. Prevese tamén o segundo ascensor desde a zona verde interior de Travesía de Vigo e Aragón, cun importe de 300.000 euros na primeira anualidade, e un ascensor entre Jacinto Benavente e Torrecedeira por importe de 300.000 euros.
O investimento municipal prevé 447.807 euros ao alumeado público coa iluminación do Parque da Guía por un importe de 398.000 euros. A dedicación a parques e xardíns ascende a 1.081.000 euros dos que 800.000 serán para parques infantís e biosaudables. No ámbito de mantemento das praias, Caballero avanzou que os quioscos serán diferentes o próximo verán "de deseño e comprables aos das mellores praias do mundo" co soterramento da liña da electricidade por valor de 94.000 euros.
A política social en 2021 superará os 1,5 millóns de euros de investimento co desenvolvemento dunha plataforma de xestión e dixitalización "única en España para facer un seguimento inmediato" por valor de 200.000 euros, a reforma do edificio de atención social da Praza da Princesa (540.000 euros) e a construción dun edificio de formación e busca de emprego diante da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo cun importe de 648.000 euros.
No capítulo educativo, o goberno municipal dedicará 400.000 euros ao funcionamento dos centros de ensino público, 300.000 euros a cubrición de patios de colexios e 55.000 euros máis que se complementarán co investimento da Deputación para os patios dos centros. A atención a bibliotecas públicas e museos suma 65.000 euros e a arqueoloxía e protección do patrimonio histórico ascenden a 161.000 euros que inclúen a reposición do muro do parque do Castro.
Outra das partidas destacadas do investimento é para a mellora do Estadio de Balaídos: 6.047.000 euros no vindeiro ano 2021. No tocante ás instalacións deportivas, o Concello investirá 50.000 euros na primeira anualidade do pavillón deportivo de Matamá e abrirá partida de 90.000 euros para a mellora en campos de fútbol que vai complementar a Deputación de Pontevedra. A modernización do Mercado de Teis ascenderá a 50.000 euros e o investimento de Participación Cidadá, 108.000 euros, destinarase aos centros cívicos da cidade.
A dixitalización e tecnoloxía informática leva 646.000 euros de investimento para 2021: adquisición medios informáticos: 80.000 euros, accesibilidade TIC: 175.000 euros, desenvolvemento 80.000 euros, Open Government: 66.000 euros, Plataforma Smart City: 145.000 euros e a identidade cidadá: 100.000 euros.