Escoitar

Abel Caballero destaca o “altísimo grao” de cumprimento das normas anticovid por parte da cidadanía viguesa

A Policía Local realizou durante toda a fin de semana multitude de controis para vixiar o peche perimetral da cidade e o cumprimento dos horarios. Segundo explicou Abel Caballero, apenas houbo incidencias e a cidadanía amosou un “altísimo grao” de responsabilidade.

luns, 2 nov 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance este luns das medidas tomadas pola Policía Local durante a pasada fin de semana para vixiar o cumprimento do peche perimetral da cidade, os novos horarios de redución da mobilidade e a prohibición de reunións con persoas non conviventes.

Desde as 15:00 horas do venres (hora de entrada en vigor do peche perimetral) ata as 06:30 horas da madrugada do luns, a Policía Local realizou múltiples controis por toda la cidade. “O grao de cumprimento da cidadanía é altísimo e detectouse un importante aumento no número de chamadas para realizar consultas por dúbidas sobre as normativas”, destacou o alcalde.

Segundo destacou o rexedor, a Policía Local tamén detectou un descenso no número de denuncias por festas ou ruídos en domicilios particulares, aínda que debido á redución de mobilidade durante o horario nocturno xa existe algunha sanción por incumprimento.

Así, desde a tarde do venres á mañá do luns realizáronse controis a un total de 2.822 vehículos e non houbo sancións, limitándose o operativo a informar aos condutores das novas normas. Tamén houbo controis en autobuses urbanos, interurbanos e estacións de buses e de Ría.

As propostas de sanción impostas durante toda a fin de semana (ata a mañá do luns) foron as seguintes: 15 por incumprimento da mobilidade, 8 por no utilizar máscara, 14 sancións por reunións de persoas non conviventes (13 de elas a noite do sábado), 5 por non cumprir os horarios de mobilidade e 5 a establecementos.

Descargar todas as imaxes