Escoitar

O Concello activa un Centro de Atención Social Continuado con servizo as 24 horas do día

Xa operativo, o dispositivo prolonga a presenza de traballadores sociais no albergue municipal de Marqués de Valterra ata as 22 horas e habilita as 24 horas un teléfono a disposición das forzas e corpos de seguridade do Estado para emerxencias sociais. Abel Caballero: “No Concello de Vigo non hai límite orzamentario para a atención social”.

luns, 2 nov 2020
Abel Caballero, este luns en comparecencia por videoconferencia
Abel Caballero, este luns en comparecencia por videoconferencia

Vigo activou desde esta fin de semana un Centro de Atención Social Continuado no Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) de Marqués de Valterra, en funcionamento as 24 horas do día. O alcalde trasladouno este luns en rolda de prensa telemática, unha actuación municipal que amplía os horarios dos servizos sociais para facer fronte ás posibles necesidades extraordinarias nesta segunda onda do Covid-19.

“Para a atención social, no Concello de Vigo non hai límite orzamentario”, indicou Caballero, quen explicou que o obxectivo do Centro é ofrecer un servizo “localizable e operativo as 24 horas do día, para que calquera necesidade ou emerxencia social teña unha atención inmediata”.

O alcalde expuxo que, fóra dos horarios habituais, agora as traballadoras sociais prolongan a súa estancia no albergue ata as 22 horas para atender in situ a quen o precise. Ao efecto, o Concello ten o número de teléfono 986294280 para a atención cidadá. E a partir das 22 horas, e ata a mañá seguinte, as policías Local e Nacional e a Garda Civil dispoñen dun número de teléfono municipal ao que recorrer en caso de emerxencias sociais, que está activo durante toda a xornada.

“En consecuencia, temos funcionando 24 horas ao día un Centro de Atención Social Continuado, ademais do traballo que xa se realiza en política social”, resumiu Caballero. “En política social, esta cidade non ten límite e, polo tanto, todos aqueles que o necesiten, inmediatamente en contacto cos teléfonos do ámbito social e cos servizos sociais, para atendelos e darlles as axudas que precisen”.

Descargar todas as imaxes