O goberno local construirá o túnel da Porta do Sol “a ceo cuberto”
O alcalde explicou este venres de que as obras de escavación do túnel na rúa Elduayen serán realizadas logo de instalar a cubrición para evitar molestias á veciñanza e ao comercio. Amais explicou que o Dinoseto será trasladado á Alameda de Compostela.
Abel Caballero visitou esta mañá as obras da Porta do Sol onde está traballando unha máquina de micropilotaxe que se encargará de instalar os pilotes, unhas columnas de formigón profundas para conter o terreo e poder iniciar as escavacións posteriormente.
A previsión do goberno municipal é que estes labores de micropilotaxe continúen ao longo de todo o mes de novembro, a continuación acometerase o acondicionamento do aparcamento, e namentres, están realizándose as gabias necesarias para crear a gran praza da Porta do Sol.
O rexedor avanzou que na rúa Elduayen o traballo vai desenvolverse de xeito diferente xa que se instalará a cubrición mentres se realiza a escavación do túnel, de xeito que se traballará “a ceo cuberto” , unha fórmula “complexa e que custa cara” pero que permitirá “evitar o máximo posible as molestias” ás persoas que viven nesa zona e aos comercios.
A obra ten un orzamento de 17 millóns de euros e está cofinanciada con Fondos Feder da Unión Europea dentro do proxecto Edusi-Vigo Vertical.
Traslado de Dinoseto
Abel Caballero deu conta tamén do traslado, o vindeiro martes, da figurado Dinoseto desde a Porta do Sol á Alameda de Compostela onde permanecerá arredor dun ano e medio mentres se realizan os traballos na Porta do Sol.