O goberno local destina 1 millón de euros ao ascensor que conectará Travesía de Vigo e Aragón
O alcalde explicou que se trata dunha conexión de "grande interese" para esa zona da cidade onde viven arredor de 20.000 persoas ao permitir salvar un desnivel de cinco pisos de altura, entre Travesía e Aragón á altura da igrexa do Santo Cura de Ars. A obra financiarase cos remanentes municipais que ascenden a 36 millóns de euros.
bel Caballero explicou este luns en rolda de prensa que a construción do ascensor nesta zona é unha cuestión de "necesidade de que alí opere o Vigo Vertical" para salvar un desnivel de cinco pisos de altura, "máis alto que calquera outro dos ascensores que funcionan nestes momentos e que xa fixemos na cidade".
O goberno municipal prevé un investimento de arredor de 1 millón de euros financiado con cargo aos remanentes, polo que se incluíu xa na súa tramitación e situarase na rúa que conecta a Travesía de Vigo, á altura do número 160, coa rúa Aragón 203, xunto á igrexa de Santo Cura de Ars.
O alcalde cualificou a conexión como de "grande interese" para toda esta zona da cidade, onde residen máis de 20.000 persoas que nestes momentos deben subir escaleiras dunha altura de aproximadamente cinco pisos, o que fai "practicamente imposible" para moitas persoas acceder á rúa de Aragón desde Travesía.
O rexedor explicou que o ascensor é unha das novas obras que acometerá o Concello con cargo aos 33 millóns de euros de remanentes e avanzou que a esta contía cómpre sumarlle os 2.885.000 euros da modificación orzamentaria que mañá martes aprobará a Xerencia de Urbanismo para invenstir nun novo paseo na parte alta do río Lagares, que terá unha extensión de entre 3 e 4 quilómetros, e para realizar expropiacións na Panificadora.
Así, apuntou Caballero, "iniciamos o proceso de recuperación da Panificadora para os espazos públicos de Vigo", unha parte será a cargo do Concello e outra de Zona Franca. O alcalde incidiu na importancia desta acción de urbanismo que permite sumar case 3 millóns de euros máis aos remanentes que quedarán trala modificación nos 36 millóns de euros "para o cambio na cidade".