O goberno de Vigo aproba os proxectos da Vía Verde e da cuberta do tranvía histórico
A segunda fase da senda ferroviaria entre Teis e Chapela presenta un orzamento de 3 millóns de euros, que se engadirán ao medio millón abonado polo tramo xa aberto. Ademais, a cuberta e iluminación ornamental do tranvía da Avenida de Castelao custará 120.000 euros, segundo informou este venres o alcalde.
Abel Caballero comunicou este venres a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada onte xoves, de dous novos proxectos de mellora da cidade: a segunda fase da Vía Verde e a cuberta e iluminación ornamental do tranvía histórico. Coa ratificación dos documentos, o Concello está en disposición de iniciar o proceso administrativo de contratación e adxudicación das obras.
Segundo explicou en rolda de prensa, a senda ciclista e peonil entre Teis e Chapela, cunha lonxitude de 3,6 quilómetros e un ancho de cinco metros, ten un orzamento de case tres millóns de euros. O obxectivo municipal é completala -o tramo aberto custou medio millón de euros- e acondicionar a antiga vía ferroviaria, con carril bici e paseo para os peóns, con áreas de descanso, miradoiros, zonas infantís e biosaudables, mobiliario urbano e un circuíto deportivo para adestramento ao aire libre, arborado e tenis de mesa. Xunto aos edís de Fomento e Urbanismo, Javier Partido e María Xosé Caride, respectivamente, o alcalde visitou esta mesma semana o punto onde enlazará o trazado con Vía Norte.
En segundo lugar, o goberno de Vigo deu luz verde ao proxecto de protección, iluminación ornamental e cuberta do tranvía histórico emprazado na Avenida de Castelao. Caballero indicou que o orzamento ascende a 120.000 euros e supón un resgardo estético, con vidro laminado, para prolongar a vida do vehículo.