O alcalde urxe axilidade na ampliación do Ifevi para apoiar a Conxemar contra os seus competidores
O alcalde de Vigo denunciou esta mañá o atraso co que a Xunta está a tramitar a ampliación do ifevi, unha vez que o Concello xa ten consignado o crédito para poder realizar as expropiacións tan pronto como o goberno autonómico remate coas sús responsabilidades. Insistiu na importancia de que Conxemar poida contar con máis superficie de cara a próxima edición para poder afrontar a competencia que vai sufrir desde outros territorios.
O goberno local xa ten consignada a partida económica precisa para á expropiación de terreos sobre os que se vai realizar a ampliación do Ifevi. O próximo martes, na Xerencia de Urbanismo, darase conta dunha retención de crédito de 182.000 euros para que o Concello proceder ás expropiacións tan pronto a Xunta complete a tramitación pendente.
O alcalde urxiu esta mañá á Xunta a actuar de forma dilixente axilizando a aprobación do proxecto a través da Lei 3/2016, así como a proceder á declaración da prevalencia do interese de ampliación das instalacións sobre o monte mancomún. Finalmente, o goberno autonómico tería tamén que aprobar a urxente ocupación dos terreos. Unha vez rematada esta tramitación, precisou o rexedor, o Concello xa estará en condicións de notificar aos propietarios do solo e proceder á expropiación.
Na rolda de prensa, Caballero insistiu na urxencia desta ampliación para que estea rematada no próximo xuño, de cara a apoiar á seguinte edición de Conxemar contra a competencia que vai sufrir desde outros territorios.