Escoitar

O alcalde insta á Xunta a declarar a urxente ocupación dos terreos afectados para ampliar o Ifevi

Abel Caballero informou este martes de que as obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) xa contan cos informes favorables de Estradas e Aviación Civil, polo que agora é a Xunta a que ten que declarar a urxente ocupación dos terreos afectados. “Conxemar necesita saber canto antes cando terá a ampliación para ofrecer os espazos aos expositores”, sinalou.

mércores, 21 out 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este martes á Xunta que declare a urxente ocupación dos terreos para ampliar o Ifevi e que o Concello poida levar a cabo as expropiacións. “Xa temos todos os informes favorables, tanto o de Carreteras como o de Aviación Civil, que inclúe Seguridade Aérea e Aena, polo que xa é a Xunta a que ten que axilizar os trámites para que poidamos procedes desde o Concello”, sinalou en rolda de prensa.

Segundo indicou o rexedor, os trámites pendentes son a aprobación da Comisión Superior de Urbanismo da Xunta e a aprobación do Consello da Xunta, onde o proxecto e a ocupación de terreos debe recibir o visto e prace. “Xa levamos a cabo a información pública da expropiación e xa temos os recursos, é tempo de convocar aos afectados para pagar”, sinalou.

Caballero tamén indicou que Conxemar necesita confirmar en febreiro a data da que disporán da ampliación e así en xuño poder ofrecer os espazos aos expositores que participarán na feira convocada para o outono de 2021.