Escoitar

Caballero esixe datos do Covid en Vigo: “Toda España e Portugal dá información, só a oculta a Xunta”

O alcalde, que recomendou novamente “prudencia, sentido común e precaución” contra o coronavirus, insistiu en solicitar á Xunta información diaria por municipios e non só por áreas sanitarias, e amosou os exemplos de Portugal, Andalucía, Cataluña, Aragón, Estremadura, Castela e León, Asturias, Murcia ou Canarias para reclamar o mesmo en Galicia.

martes, 20 out 2020
O alcalde amosou exemplos da información que ofrecen as comunidades autónomas por municipios
O alcalde amosou exemplos da información que ofrecen as comunidades autónomas por municipios

O alcalde foi categórico este martes ao denunciar que “a Xunta de Galicia oculta información” sobre a pandemia, ao non ofrecer datos sobre a evolución do Covid-19 en cada concello.

“Toda España e toda Portugal dando información, só a oculta a Xunta de Galicia”, constatou Caballero, quen mostrou en rolda de prensa os exemplos do país veciño e de varias comunidades autónomas de España. Así, detallou que todos os municipios de Cataluña, Aragón, Murcia e Estremadura reciben un informe diario completo da autonomía; en Andalucía existe unha plataforma de incidencias por área sanitaria e por municipio con información diaria; e aos concellos de Castela e León lles chega ao móbil datos diarios do municipio e alertas de rebrotes, ademais de reunir semanalmente ás urbes de máis de 20.000 habitantes.

En Asturias, o goberno autonómico remite un informe diario aos concellos e celebra unha entrevista semanal dos municipios coa responsable de Sanidade, mentres que Canarias dispón dunha plataforma que actualiza diariamente con información do coronavirus por municipios. Portugal, por outra banda, envía cada xornada aos concellos un documento con datos da evolución da pandemia, tamén por municipios.

Abel Caballero recalcou que demanda a información da cidade de Vigo para “continuar atendendo a esta cidade, preservando a súa saúde, e sen limitar o esforzo” contra o Covid-19, posto que “calquera decisión sanitaria que tome a Xunta, Vigo vaina aceptar, apoiar e aplicar, con toda a capacidade que temos”.

Segundo os últimos datos publicados, os novos contaxios na área sanitaria de Vigo (da que forman parte 26 concellos e máis de 550.000 persoas) baixaron ata 48 nas últimas vinte catro horas, unha cifra menor que “será boa de verdade cando sexa cero”, valorou o alcalde. A este respecto, recomendou á cidadanía “moita prudencia, moito sentido común e moita precaución; todo o mundo con máscara, con distancia social e moita hixiene de mans, e coidar especialmente as reunións familias e de amigos”.

Descargar todas as imaxes